Israel e Hamas acordan ampliar outro día a tregua en Gaza cando estaba a piques de expirar

Durante os primeiros seis días da tregua foron liberados 210 presos palestinos dos cárceres, todos mulleres e nenos

Dous irmáns palestinos matan tres persoas en Xerusalén

G24.gal 30/11/2023 06:08 Última actualización 30/11/2023 09:40

Qatar anunciou este xoves a extensión por un día máis da tregua humanitaria entre Israel e o grupo islamista palestino Hamas, que comezou o venres e caducaba este xoves, en que ambas as partes intercambiaron reféns por presos.

"As partes palestina e israelí chegaron a un acordo para estender a tregua humanitaria na Franxa de Gaza por un día máis (hoxe xoves) baixo as mesmas condicións anteriores", dixo o portavoz do Ministerio de Exteriores qatarí Majid al Ansari nun comunicado.

Apuntou que esas condicións "son un cesamento do fogo e a entrada de axuda humanitaria" e subliñou que a prolongación da pausa "foi alcanzada no marco da mediación conxunta do Estado de Qatar, a República Árabe de Exipto e os Estados Unidos".

Este será o sétimo día da pausa humanitaria que entrou en vigor o pasado venres e que permitiu o cesamento das hostilidades por primeira vez desde o 7 de outubro, cando Hamas cometeu un ataque múltiple contra Israel en que morreron 1.200 persoas e unhas 240 foron secuestradas e levadas á Franxa de Gaza. Desde entón 15.000 persoas morreron e 36.000 foron feridas polos bombardeos israelís de represalia contra Gaza, onde se estima que preto de 7.000 persoa máis seguen desaparecidas, ou ben se descoñece o seu paradoiro ou se cre que están baixo os entullos, segundo as autoridades do enclave palestino, controlado por Hamas.

Durante os primeiros seis días da tregua foron liberados 210 presos palestinos dos cárceres, todos mulleres e nenos, como parte do pacto de troco por reféns israelís postos en catividade en Gaza polas milicias palestinas, mentres Hamas puxo en liberdade 97 cativos en Gaza, entre eles 73 israelís e 24 estranxeiros. O anuncio da prolongación da pausa por un día máis prodúcese poucas horas despois da chegada a Israel do secretario de Estado dos Estados Unidos Antony Blinken, que ten previsto abordar unha posible ampliación da tregua para conseguir a liberación de máis reféns que seguen en Gaza. 

Tres mortos nun tiroteo en Xerusalén

Os dous atacantes no tiroteo ocorrido este xoves en Xerusalén, onde morreron tres persoas, son membros de Hamas e anteriormente foran condenados e encarcerados por cargos de terrorismo, informou o Shin Bet, a axencia de seguridade israelí. Ambos foron identificados como os irmáns Murad Namr, de 38 anos, e Ibrahim Namr, de 30, dous palestinos residentes no barrio de Sur Baher, en Xerusalén Este ocupado.

Os dous chegaron hoxe a un dos accesos de Xerusalén ao redor das 7:30 horas (5:30 GMT) e abriron fogo cunha pistola e un M-16 contra civís, matando a tres -unha moza de 24 anos, un home de 73 e unha muller duns 60- e deixando outros seis feridos, tres deles de gravidade. A Policía confirmou que os dous atacantes, dous residentes palestinos de Xerusalén Este, morreron no lugar dos feitos tras ser "neutralizados" por dous soldados que estaban fóra de servizo e un civil armado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade