"León XIV ten os pés na terra, coñece a realidade e é próximo", di o bispo de Tui-Vigo
Os bispos das dioceses galegas cren que a proximidade ao papa Francisco marcará o seu pontificado
O bispo de Tui-Vigo Antonio Valín Valdés cre que o novo papa mostrou moita naturalidade na súa primeira aparición no balcón do Vaticano. E confía nos seus valores e na súa experiencia para abordar o pontificado que inicia hoxe. "Robert Francis Prevost é un home cos pés na terra, estivo en misións, estivo á fronte dunha diocese... coñece ben a realidade. Despois, como superior agostiño que foi, tamén coñece a realidade da vida consagrada".
Valín Valdés di que non se pode comparar a Prevost con Bergoglio, un home coa personalidade tan marcada. "El é máis tímido, pero próximo e sinxelo. Non é de finxir. É como se amosou onte no balcón". De acordo co seu primeiro discurso como papa, cren que o novo pontífice continuará na mesma liña ca Francisco, co que colaborou man con man. E que un dos seus retos o marcou tamén coas súas palabras, a intención de camiñar xuntos e de integrar a todo o mundo.
Sobre unha hipotética visita a Galicia co gallo do Xacobeo 2026, o bispo de Tui-Vigo asegura que sería unha boa ocasión. Pero tamén recoñece que a súa axenda nos próximos meses vai ser unha tolada. "Porque todo o mundo quererá que o novo papa visite o seu país", asegurou.