Israel mata máis de 100 gazatís nunha xornada de ataques contra o norte de Gaza
Os bombardeos afectaron escolas, mercados e restaurantes na cidade de Gaza
Entre as vítimas hai nenos, mulleres e un xornalista palestino

O Exército israelí matou este mércores polo menos 105 persoas na Franxa de Gaza, a maioría delas no norte do enclave, onde os ataques se centraron en escolas, mercados e restaurantes.
Segundo fontes médicas, 79 persoas morreron nesa zona, mentres que outras 12 perderon a vida no centro e 14 no sur.
Na cidade de Gaza, dous bombardeos israelís na tarde do mércores causaron a morte de 39 persoas, entre elas menores e un xornalista, nas inmediacións dun restaurante e un mercado.
Máis de 80 persoas resultaron feridas. As imaxes do depósito de cadáveres do hospital Al Shifa mostran corpos ensanguentados de homes e nenos, algúns de arredor de 10 anos, estendidos sobre as baldosas tras seren trasladados nun remolque.
Pasada a medianoite, un caza israelí bombardeou de novo a escola Abu Hamisah, da UNRWA, no campo de refuxiados de Bureij (centro de Gaza), onde morreron 33 persoas, entre elas 9 nenos e 6 mulleres.
Tamén foron asasinadas polo menos outras 24 persoas, incluído o xornalista palestino Nour El Din Matar Abdo, nun ataque contra a escola Karama, que servía de refuxio para desprazados.
Basem Naim, membro do buró político de Hamas, denunciou nun comunicado que “a matanza de 105 palestinos marca un punto culminante do xenocidio israelí en Gaza”.
Acusou a Israel de levar a cabo ataques selectivos contra lugares que antes ofrecían protección, como escolas, mercados, cafés e refuxios, e asegurou que “a escala e intensidade dos bombardeos mostran un patrón claro: trátase dunha campaña deliberada de erradicación”.
Naim advertiu ademais que Gaza sofre unha “fame” imposta desde o pasado 2 de marzo, cando Israel prohibiu a entrada de calquera tipo de subministración, incluídos alimentos e auga. “Isto non é unha guerra. É un xenocidio baixo asedio”, concluíu.