Polo menos dous mortos nun novo ataque ruso contra Kíiv
Ademais de en Shevchenko, o ataque ruso provocou desfeitas e incendios nos distritos de Sviatozhin e Dnipró
Reuters
Polo menos dúas persoas morreron e outras oito quedaron feridas esta madrugada en Kiev nun novo ataque masivo ruso contra a capital, segundo informou o alcalde da cidade, Vitali Klichkó, na súa conta de Telegram.
“Dous mortos nun edificio residencial do distrito de Shevchenko da capital. Fragmentos dun dron de ataque caeron sobre o último piso do edificio de cinco plantas”, escribiu Klichkó.
Ademais de en Shevchenko, o ataque ruso provocou desfeitas e incendios nos distritos de Sviatozhin e Dnipró.
Dúas roldas de explosións separadas sacudiron a capital ucraína esta madrugada. A primeira, pouco despois da 1:00 da madrugada, e a segunda, antes das 7:00 da mañá.
Segundo a Administración Militar da rexión de Kíiv, Rusia lanzou contra a capital ucraína e os seus arredores durante o ataque un mísil balístico e 28 drons de ataque.
Rusia e Ucraína seguen intercambiando ataques contra as súas respectivas retagardas, ao rexeitar o Kremlin o cesamento do fogo inmediato por polo menos trinta días que propón Kiev e apoia tamén Washington.