Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xuíza da dina acusa de "groseira neglixencia" os exaltos cargos investigados

A xuíza da dina acusa de "groseira neglixencia" os exaltos cargos investigados

Reprocha que excluísen membros do Cecopi da reunión clave e que xustificasen as súas accións con argumentos "absurdos"

Descarta investigar o presidente da Confederación Hidrográfica do Xúcar

G24.gal 08/05/2025 16:06

A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Catarroja (Valencia), que investiga a xestión da dina, cualificou de "groseira" a neglixencia atribuída aos dous ex altos cargos da Generalitat Valenciana investigados, e tachou de "absurdas" as explicacións que deron ante o xulgado.

As declaracións figuran nun auto difundido este xoves polo Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valenciana e refírense á exconselleira de Xustiza e Interior, Salomé Pradas, e ao ex secretario autonómico de Emerxencias, Emilio Argüeso, únicos investigados de momento nesta causa.

A xuíza volveu rexeitar a petición da Asociación de Damnificados Dana Horta Sud Valencia de investigar tamén o presidente da Confederación Hidrográfica do Xúcar (CHX), Miguel Polo.

Críticas pola xestión da alerta

No auto, a instrutora subliña que tanto Pradas como Argüeso actuaron con pasividade malia coñecer a situación, e que non advertiron á poboación de forma adecuada. Asegura que ambos sabían o que estaba a ocorrer e tiñan a obriga de garantir a seguridade cidadá.

Reprocha especialmente que deran a entender que o Cecopi -o centro de coordinación de emerxencias- era unha "burbulla illada do mundo exterior", algo que considera falso. A xuíza afirma que "en todo momento houbo control sobre a decisión de enviar a alerta á poboación por parte de Salomé Pradas", e que esa decisión só podía tomarse coa súa autorización como máxima responsable da emerxencia.

Engade que os membros do Cecopi "non estaban illados", que usaban teléfonos, que entraban e saían da sala e que se comunicaban con outras autoridades. Critica que excluísen da reunión a outros membros con base nunha suposta obriga de presencialidade, algo que cualifica de "absurdo" e incompatible coa suposta falta de información que alegaban.

Neglixencia e contradicións

A xuíza considera que estas accións oscilan entre un descoñecemento "dificilmente xustificable" e unha mala utilización das ferramentas dispoñibles, como o sistema ES_Alert. Tamén sinala como relevante unha entrevista na que Pradas falou deste sistema en televisión, e reprocha a Argüeso que, sendo o segundo na cadea de mando e coñecedor dos protocolos, apenas participase máis alá do envío de mensaxes, algúns por chats, con respostas que cualifica de "auténtico estupor".

Non ampliará a investigación a máis cargos

En canto á petición de investigar outros subordinados de Pradas, a xuíza entende que a morte de 228 persoas non pode atribuírse unicamente á estrutura administrativa autonómica. Considera que tampouco se pode alegar falta de información ou de asesoramento técnico, pois a declaración dun técnico desmentiu esta hipótese.

Segundo a instrutora, aceptar esa liña levaría a situar o caso noutros ámbitos de responsabilidade, como o contencioso-administrativo ou o civil, pero non no penal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade