Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump forza a Israel a respectar o alto ao fogo e Irán declara a fin da guerra

Trump forza a Israel a respectar o alto ao fogo e Irán declara a fin da guerra

Os 12 días de conflito deixan 28 israelís e 610 iranianos mortos

Antón Montero 24/06/2025 18:39 Última actualización 24/06/2025 21:14

"Non saben que carallo están facendo". Así de enfadado estaba Donald Trump, despois de que Irán e Israel rompesen a tregua que el mesmo anunciara horas antes. Trump repartiu críticas, pero foi máis duro co seu aliado: "non estou contento con Israel, non me gustou que lanzasen bombas xusto despois de pechar o acordo", dixo o presidente estadounidense.

Trump atribuíu a un erro o ataque iraniano durante o alto o fogo. Israel di que foron dous mísiles. E aínda que Teherán o negou, o exército hebreo respondeu cun ataque contra unha estación de radar e matou outro científico do programa nuclear iraniano.

Unha chamada de Trump ao líder israelí, Benjamin Netanyahu, restaurou a tregua.

O exército hebreo di que chega cando todos os seus obxectivos xa estaban cumpridos. En Teherán, a propaganda do réxime atribúe a fin das hostilidades ao seu ataque onte contra a base estadounidense en Qatar.

Antes da tregua, un ataque iraniano matou 4 inquilinos dun edificio de Beerxeba, que elevan a 28 os israelís falecidos nestes 12 días.

En Irán, os mortos foron máis de 600, ademais da perda dunhas instalacións nucleares que, segundo Trump, nunca se volverán reconstruír. 

Irán declara a fin da guerra

O presidente de Irán, Masud Pezeshkian, anunciou este martes o fin da guerra de 12 días con Israel.

O mandatario iraniano cualificou a ofensiva israelí de “agresión imprudente” e asegurou que o seu país respondeu con contundencia.

“Estamos presenciando un alto o fogo e o fin da guerra imposta ao pobo iraniano durante 12 días”, afirmou Pezeshkian nun comunicado oficial, no que sinala que Israel recibiu “un castigo severo e histórico” e sufriu “danos inimaxinables”.

O presidente persa indicou que o Estado hebreo “fracasou en acadar os seus sinistros obxectivos”, entre eles, destruír instalacións nucleares e provocar inestabilidade social en Irán.

O conflito comezou o 13 de xuño cunha serie de bombardeos israelís contra instalacións nucleares iranianas. A ofensiva intensificouse nos días seguintes con ataques sobre diferentes zonas do país, incluída a capital.

Irán respondeu con misís balísticos e drons contra obxectivos situados maioritariamente no centro e norte de Israel.

Segundo os datos coñecidos ata o momento, os ataques deixaron 610 mortos e máis de 4.700 feridos en Irán, na súa maioría civís. En Israel producíronse 28 falecementos.

O Goberno iraniano considera que este alto o fogo representa unha “derrota” para Israel, mentres o executivo de Netanyahu aínda non se pronunciou oficialmente sobre o resultado da ofensiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade