Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump di que "España ameaza con descarrilar o cumio da OTAN"

Trump di que "España ameaza con descarrilar o cumio da OTAN"

O presidente dos EUA compartiu unha infografía en redes sociais con críticas directas ao Goberno de Sánchez

Trump asegura que Rutte lle confirmou o compromiso dos aliados co obxectivo do 5 %

Rutte felicita a Trump: "Europa vai pagar, e dunha forma GRANDE, como debe ser, e será a túa vitoria”

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, antes de acudir ao cumio da OTAN (Andrew Leyden/Zuma Press/ContactoPhoto)
G24.gal 24/06/2025 16:43 Última actualización 24/06/2025 21:31

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, cargou de novo contra España este martes por non aceptar o obxectivo do 5 % do PIB en gasto militar que Washington promove dentro da OTAN.

Nunha publicación na súa rede social Truth Social, compartiu unha infografía co titular “España ameaza con descarrilar o cumio da OTAN” e reivindicou o "incrible" investimento estadounidense en defensa.

Trump acompañou a imaxe cun comentario no que destaca que “os Estados Unidos están a piques de chegar ao billón de dólares en gasto en defensa”, algo que cualificou como “incrible”, e engadiu que tratará esta cuestión cos demais membros da Alianza.

Infografía con tres posicións

A infografía, elaborada pola axencia Graphic News, amosa as posicións do propio Trump, do secretario xeral da OTAN, o neerlandés Mark Rutte, e do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

Segundo este gráfico, Trump “ameaza con non protexer os aliados que non se comprometan co 5 %”; Sánchez defende que ese obxectivo “é incompatible co estado do benestar”; e Rutte propón un punto intermedio: aumentar o gasto ata o 3,5 % e destinar outro 1,5 % a seguridade noutras áreas.

Advertencia directa a España

Trump volveu sinalar España como un obstáculo dentro da Alianza Atlántica: “Sempre hai un problema con España. España non está de acordo. É moi inxusto para o resto”, declarou aos xornalistas a bordo do Air Force One, antes de compartir a imaxe.

O pasado domingo, Pedro Sánchez anunciou un acordo con Mark Rutte que eximiría a España do compromiso do 5 %, apostando por destinar un 2,1 % do PIB a defensa. Segundo fontes do Goberno español, o propio secretario xeral da OTAN avalou este acordo.

Rutte felicita a Trump: "Europa vai pagar, e dunha forma GRANDE, como debe ser, e será a túa vitoria”

Porén, Trump compartiu mensaxes de Rutte nas que o neerlandés o felicitaba pola súa “acción en Irán” e lle aseguraba que tiña “a todos os estados membros asinados ao 5 por cento”.

O secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, asegurou este martes que “non estaba previsto, pero non di nada raro” nas mensaxes persoais que lle enviou ao presidente estadounidense, Donald Trump, e que este compartiu esta tarde na súa rede social, aínda que o neerlandés admitiu que o mandatario estadounidense non lle preguntou se podía facer públicos os textos.

Trump compartiu este martes un texto que lle enviou Rutte, no que este lle aseguraba que todos os aliados aceptan aumentar o gasto en defensa. “Esta noite voas cara a outro grande éxito na Haia. Non foi doado, pero conseguimos que todos asinasen o 5 %. Donald, impulsaches un momento realmente, realmente importante para Europa e o mundo”, di Rutte.

O ton desas mensaxes lembra ao xeito de expresarse do propio Trump, empregando palabras en maiúsculas e repetindo adverbios.

“Vas conseguir algo que NINGÚN presidente estadounidense logrou en décadas. Europa vai pagar, e dunha forma GRANDE, como debe ser, e será a túa vitoria”, sinalou.

Preguntado polos xornalistas se o ton das mensaxes pode parecer un intento excesivo de adular a Trump, Rutte negouno con despreocupación. “Si, bueno, iso é cuestión de gustos, pero así é como eu traballo”, asegurou, admitindo que non falou con Trump sobre se podía publicar esa mensaxe, subliñando que “non ten ningunha obxección” a que o fixese.

Rutte, que tamén dixo hoxe ser un bo amigo de Trump e lembrou que o coñece desde hai anos, enviou esas mensaxes antes de que o inquilino da Casa Branca aterrase na  Haia para participar no cumio da OTAN.

“Parabéns e grazas pola túa acción decisiva en Irán, foi realmente extraordinaria e algo que ninguén máis se atrevera a facer. Fainos sentir máis seguros”, engade o neerlandés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade