O ensaísta Luis Alonso Girgado, distinguido como 'Cunqueiriano de Honra' en Mondoñedo
Girgado converteuse no décimo homenaxeado desde que foi constituído o galardón de 'Cunqueiriano de Honra'
Luís Alonso Girgado recibe a distinción como Cunqueiriano de Honra de 2026. EFE/Eliseo Trigo
O ensaísta, crítico literario e investigador, Luís Alonso Girgado, recibiu este sábado a distinción como 'Cunqueiriano de Honra' de 2026 o día en que se cumpren 45 anos da morte do escritor mindoniense.
Para conmemorar esa data, en recordo do autor de obras como 'Xente de aquí e acolá', 'Merlín e familia' ou 'As crónicas do Sochantre', realizouse unha ofrenda floral ante a tumba de Cunqueiro no cemiterio de Mondoñedo, que estivo presidida polo alcalde, Manuel Otero.
Ofrenda floral a Álvaro Cunqueiro no cemiterio de Mondoñedo. EFE/Eliseo Trigo
Xa no salón de plenos, Girgado converteuse no décimo homenaxeado desde que foi constituído o galardón de 'Cunqueiriano de Honra' promovido polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro.
Esta distinción recoñece o traballo e as achegas daquelas figuras que destacaron na proxección de Cunqueiro.
O responsable da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, foi o encargado de “facer a loa do homenaxeado”, antes de que tomase a palabra o propio Girgado e procedésese á lectura pública dun selección da obra xornalística “cunqueiriana” elixida polo propio homenaxeado.
Girgado (Ferrol, 1946), catedrático de Lingua e Literatura, foi durante anos secretario científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e é ensaísta e crítico literario.