O Encontro do Millo Corvo cumpre 25 anos cun cambio de escenario, de Meiro a Bueu
A festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, promociona un dos productos máis peculiares, as espigas de cor negra
Os seus promotorores considérano un superalimento e refírense a el como "un millo de patanegra"
O Encontro Degustación do Millo Corvo cumpre 25 anos e para celebralo os organizadores decidiron cambiar o escenario, dende Meiro a Bueu.
"Para celebrar todo un ano de traballo, porque o traballo do campo é moi duro e aquí é para converter o grao en fariña e facer os alimentos, empanadas, pan, con pasas, filloas", explica a presidenta da Asociación Cultural Meiro.
Son 25 anos recuperando e promocionando un dos produtos máis peculiares da zona, un millo negro que comezou a cultivarse no século XVII e que no Morrazo acabou case por extinguirse. Para os seus promotores trátase dun superalimento.
"Nos dicimos que é un millo de patanegra."
Nesta festa, declarada de interese turístico de Galicia, os visitantes teñen a oportunidade de probar todo tipo de produtos elaborados coa fariña do millo corvo e coñecer, entre charlas, obradoiros e exposicións, todo o ciclo natural deste tipo de millo.
Ademais, durante toda a fin de semana sucedéronse as actuacións musicais, as rutas guiadas, os contacontos e os xogos tradicionais en familia.