Publicador de contidos

Publicador de contidos

A demolición do edificio incendiado en Pontevedra durará tres días

A demolición do edificio incendiado en Pontevedra durará tres días

Os traballos de demolición do pinche e a retirada da cuberta do edificio incendiado en Pontevedra requiren dunha organización complexa

Os veciños do edificio seguen sen poder acceder ao inmoble á espera de que se avalíe a estrutura

G24.gal 09/07/2025 11:15 Última actualización 09/07/2025 14:55

Os bombeiros empezaron este mércores os traballos para a demolición parcial do edificio que ardeu a madrugada do martes no centro de Pontevedra, ante o risco de que se esborralle e afecte os inmobles lindeiros.

A demolición vai afectar ao pinche -parte superior da fachada-, e os bombeiros tamén van avaliar o estado da cuberta para estudar se é necesario retirala tamén, explicou o Concello de Pontevedra.

Os bombeiros xa se atopaban fronte ao edificio, situado no número 4 de rúa Marqués de Riestra, ás 9:00 horas para planificar os traballos de demolición, unha vez que as lapas están totalmente controladas e non hai risco de reactivacións. 

O incendio desatouse pouco despois da unha da madrugada do martes no segundo piso e estendeuse rapidamente á terceira planta e ao ático, por causas que están baixo investigación. Aínda que non se rexistraron feridos, unha vintena de persoas que habitaban no inmoble tiveron que ser evacuadas, e tamén se deu orde de desaloxo aos veciños dos edificios lindeiros, por precaución.

Parte dos evacuados foron acollidos polo Concello, outra parte nun inmoble que lles ofreceu o dono do edificio incendiado e o resto optaron por casas de familiares.

A rúa Marqués de Riestra permanece cortada ao tráfico de vehículos e ao paso de peóns mentres se realizan os traballos na zona. Estes traballos durarán uns tres días para ir retirando as placas do tellado pouco a pouco e evitar que colapse cara abaixo e afecte ao resto de plantas.

Os veciños do edificio seguen sen poder acceder ao inmoble á espera de que se avalíe o estado da súa estrutura. Pasaron unha segunda noite fóra da casa.

Os que xa puideron volver ás casas son os veciños dos edificios lindeiros despois de comprobar as medianeiras. O Concello e os traballadores sociais xa avalían a situación e as necesidades de todos os desaloxados. Polo momento tampouco a Policía Científica puido acceder ao inmoble, que, ademais de polo lume, tamén se viu afectado pola auga empregada para extinguir o incendio.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade