Desartellan unha rede criminal en Ourense e Lugo que vendía coches de segunda man
Hai numerosas vítimas en toda España ás que lle causaron un prexuízo económico superior aos 900.000 euros

Unha operación conxunta da Policía Nacional e da Garda Civil arrestou catro persoas nas provincias de Ourense e Lugo ao desartellar unha organización criminal dedicada á estafa na venda de vehículos de segunda man.
Segundo informou o instituto armado nun comunicado, os detidos ofertaban os vehículos por un valor inferior ao do mercado e presentaban unha quilometraxe reducida drasticamente polos vendedores.
No marco da operación, denominada Ruvenalba-Friedri, os axentes constataron que a organización alugaba baixos e naves industriais para a exposición e venda de vehículos nas provincias de Lugo e Ourense.
Como non aboaban as cotas correspondentes, acababan sendo desaloxados por falta de pagamento. Logo, buscaban outro establecemento para poder seguir co mesmo negocio.
Os investigadores tamén detectaron catro liñas telefónicas coas que operaban durante todo o día para responder a todas as peticións dos compradores case en tempo real. Un sistema similar usaban para ensinar os turismos e furgonetas industriais.
Deste xeito, os vendedores adaptábanse a calquera hora do día e instaban a clientela a formalizar a compra o máis rápido posible para tentar evitar que tivesen tempo a verificar os defectos ocultos dos vehículos.
Para finalizar a operación comercial, achegaban contratos nos que actuaban como mediadoras empresas belgas (coas cales a organización non tiña ningunha vinculación), para evitar que figurasen as súas identidades en contratos mercantís e eludir o pago de impostos.
Cando as vítimas contactaban con eles, pedíanlles unha transferencia bancaria, obxectos de valor e mesmo pagos en efectivo superiores ao permitido por lei para a reserva do vehículo.
Estrutura piramidal
Durante a investigación, que comezou en abril do 2024, tamén comprobaron que a organización criminal tiña unha estrutura piramidal liderada por unha soa persoa que se encargaba de recadar o diñeiro.
Baixo o seu mando, había outro elo para xestionar a venda dos vehículos e as contas bancarias, que entregaba o diñeiro fraudulento procedente das vítimas ao seu líder. Posteriormente, movían os cartos por diversas contas para dificultar a súa localización.
Explotación da operación
O xoves tivo lugar a fase de explotación do operativo e os axentes practicaron varias entradas e rexistros nun domicilio de Vilalba e nunha nave industrial do polígono de San Cibrao das Viñas.
Os axentes detiveron catro persoas e interviñeron 8.000 euros en efectivo, vehículos e numerosas xoias.