O Deportivo non pode co Tenerife en Riazor (0-0)
O Tenerife, que precisaba a vitoria de xeito imperioso, topou cun gran Helton
O Deportivo tamén tivo as súas opcións, pero non tirou entre os tres paus
O partido comezou aberto, co Deportivo dominando, pero co Tenerife saíndo á contra con perigo. O primeiro susto foi un balón dividido no que Helton mediu mal e acabou derrubando a Bodiger, sen que o árbitro apreciase penalti.
Pouco despois, o aviso máis serio dos coruñeses, cun disparo de Zakaria desde a frontal que saíu fóra por moi pouco. Co paso dos minutos, o Tenerife foise atopando máis cómodo e pisando máis o campo coruñés. O Deportivo non renunciaba ao ataque, como amosou Mella cunha internada pola dereita que acabou cun centro detido por Edgar Badía.
No treito final chegou outro susto, outra caída de Luismi na área coruñesa era castigada inicialmente con cartón por simulación. O árbitro De la Fuente Ramos foi convocado ao VAR para ver a xogada, pero mantivo a súa decisión inicial e o partido foi empatado ao descanso.
A segunda metade comezou cun xogadón de Yeremay, que entrou desde a esquerda e estivo a piques de marcar un dos goles da temporada. O seguinte aviso chegou á saída dun córner, que botou Mella e rematou Zakaria ben preto do pau.
Era un partido de alternativas, e tocoulle ao Tenerife crear varias ocasións clarísimas. Primeiro, Cantero rematou por dúas veces. A primeira sacouna Helton, a segunda marchou por ben pouco. E, xusto a seguir, un envío desde a esquerda para que Enric Gallego tamén rematase fóra. Un Enric Gallego que tivo a que probablemente foi a mellor ocasión do partido, cun man a man que sacou Helton unha vez máis. Entraba o partido na parte final, e o Tenerife buscaba o gol da vitoria que lle permitise quedar a seis puntos da permanencia.
Pero o Deportivo sacudiu o dominio e acabou atacando. Barbero tivo un remate de costas e Hugo Rama un envío cruzado que puido ser o gol da vitoria. A última foi para Genreau, tamén por riba do traveseiro de Badía. O porteiro do Tenerife non tivo que intervir en todo o encontro, e o marcador non se moveu. O Deportivo queda en terra de ninguén, e o Tenerife ten unha misión moi complicada.