O Deportivo Abanca quere tirar o muro do Éibar; só encaixou goles nun partido
Volve a Liga Feminina co cadro coruñés intentando afastarse dos postos de descenso
O partido xogarase o domingo ás 16:00 horas no regreso da Liga Feminina
O Deportivo Abanca regresa á competición despois da parada polos compromisos internacionais. Faino un posto por riba do descenso pero cos mesmos puntos (5) que a Real Sociedade, que se atopa nesa penúltima praza. Precisa sumar canto antes para afastarse da zona vermella da clasificación. O partido xogarase este domingo a partir das 16:00 horas.
Visita o campo de Ipurúa onde o Éibar da galega Rocío Candal está tan forte. É, xunto co Madrid CFF, a revelación do campionato con 11 puntos en 6 xornadas e sacándolle moito proveito aos poucos goles que marca (4). A súa fortaleza, o traballo defensivo. En cinco dos seis encontros a súa porteira Anna Wellmann non recibiu ningún gol.
Tamén se move en resultados curtos o Deportivo Abanca no que o seu adestrador ve un factor clave manter a calma. "Se imos moi rápido a polo rival imos darlle situacións de contra", analiza Alberto Rodríguez que considera fundamental "ser capaces de poñernos por diante. Iso faría que elas teñan que arriscar e é un plan de partido no que non se atopan tan cómodas".