Publicador de contidos

Publicador de contidos

Martiño Ramos dixo descoñecer que estaba en busca e captura cando foi detido na Habana

Martiño Ramos dixo descoñecer que estaba en busca e captura cando foi detido na Habana

A Interpol explica que o profesor condenado por violación facía vida normal en Cuba e mesmo pensaba en casar para regularizar a súa situación na illa

"Confiamos en que nas próximas horas poida estar en España para cumprir a pena á que foi condenado", di o delegado do Goberno en Galicia

Ramos Soto, condenado a 13 anos e medio de cárcere, abusou da súa vítima cando ela tiña entre 12 e 16 anos

G24.gal 25/11/2025 12:10 Última actualización 25/11/2025 14:51

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confía que Martiño Ramos Soto, o profesor fuxido tras ser condenado a 13 anos e medio de cárcere por violar reiteradamente con prácticas sádicas a unha alumna súa menor de idade, entre pronto en prisión.

"Confiamos en que nas próximas horas, nos próximos días, Martiño poida estar en España para cumprir a pena á que foi condenado", indicou na Coruña nun acto con motivo do 25-N xusto un día despois de coñecerse o seu arresto por parte da Policía Nacional Revolucionaria (PNR).

Os investigadores cren que o violador chegou a Cuba en xullo. Nun perfil público de Instagram (A curva da luz) estivo mostrando a súa vida no país caribeño cunha foto de perfil na que se lle recoñecía perfectamente a pesar de non levar xa barba nin coleta.

A súa primeira foto alí é do 13 de xullo e o día 3 dese mes, co docente galego xa fuxido, transcendeu que fora denegado o seu recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

A vítima denunciou en setembro de 2021 e a condena en primeira instancia, logo ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, chegou o 17 de xullo do ano 2024. As partes acudidas non pediron cautelares.

A Policía Nacional Revolucionaria arrestou na capital cubana a Ramos, para quen o Goberno de España solicitara xa formalmente a súa extradición despois de que o pedise a Audiencia Provincial de Ourense o 31 de outubro.

Segundo fontes do caso, a PNR era consciente da presenza de Ramos Soto en Cuba desde facía meses e desde entón, conscientes da súa condena, tíñano baixo observación, pero non fora detido.

"Inicialmente está tranquilo no seu domicilio que tiña na Habana e si que lles manifesta as forzas policiais que executaron esa detención que descoñecía que estaba a ser perseguido por España, que tiña algo pendente en España. É unha estratexia como que puidese ser unha confusión, pero cando se decata de que está todo máis que falado e confirmado, pois digamos que xa asume a súa nova situación", explica o inspector da Interpol, Roberto Llamazares. 

Vivía no barrio do Vedado, facíase pasar por fotógrafo e participaba en eventos artísticos e culturais. A súa intención era quedar en Cuba e mesmo conseguir regularizar a súa situación. "Pasaba completamente desapercibido, levaba unha vida tranquila e estaba tentando regularizar a súa situación na illa. De feito parece ser que tentaba casar con algunha muller alí para tentar favorecer ese permiso de residencia e que fora máis rápido para el", sinala Llamazares. 

Nas súas redes, en que pasou a ser Martín Soto, vese como acudiu o pasado 12 deste mes a unha inauguración na Fundación Ludwig, que protexe e promove os artistas, e o 16 escribiu unha reflexión, unha de moitas, cun símil entre 'ceiba', que significa bote na lingua tahína e "A Habana xa estaba alí antes da chegada dos españois habitada polos tahínos, os primeiros habaneiros"; e 'ceibo', libre en galego, "quen non está atado nin preso", tampouco baixo o dominio de ninguén, "sen ataduras opresoras".

A colaboración das autoridades españolas e cubanas permitiu localizalo e proceder finalmente á súa detención. "Esta persoa estará nunha prisión de Cuba ata que xudicialmente en Cuba resolvan concederlle a extradición a España. A documentación xa está presentada e polo tanto confiamos en que nas próximas horas, nos próximos días, Martiño poida estar en España para cumprir a pena pola que foi condenado."

Unha vez chegue a España, será conducido directamente á prisión para cumprir a condena imposta polo xulgado. Aínda que non hai vixente un acordo de extradición, hai disposición por parte dos dous países por facilitar o seu traslado a España.

Ramos Soto é un dos dez nomes reclamados pola xustiza española, cuxa localización e arresto era prioritaria para a Sección de Fuxitivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade