A prisión 50 anos por recluír, violar e intentar matar a súa moza menor
Durante o cativerio, que durou 35 días, pegoulle malleiras continuadas e violouna varias veces en Fuenlabrada
O Supremo confirma a sentenza da Audiencia Provincial ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid
O edificio do Tribunal Supremo. EUROPA PRESS/Alberto Ortega
O Tribunal Supremo confirma a condena a case 50 anos de prisión para un mozo que tentou matar no 2021 a súa parella, cando era menor de idade, tras violala e pegarlle malleiras durante un cativerio que durou 35 días en Fuenlabrada (Madrid).
A sentenza, á que tivo acceso EFE, declarou probado que en outubro de 2021 o condenado, con 19 anos, lle propuxo á menor convivir durante uns días na residencia do seu pai, en Fuenlabrada, "baixo a promesa de que ía vivir un conto de fadas".
A vítima, de 16 anos no momento dos feitos, aceptou sen comunicarllo aos seus proxenitores "convencida de que dita estadía ía durar pouco".
Foi entón cando o condenado, "aproveitándose" da idade da súa parella e da relación sentimental, "despregou unha situación de dominio e de poder" durante 35 días.
Neste tempo, agrediu sexual e fisicamente a vítima, someténdoa a continuos controis para illala e impedir que saíse das habitacións onde se hospedaba, "co único propósito de anular a súa liberdade".
Os malos tratos comezaron cando o mozo lle rexistrou o móbil, no que descubriu unha conversa que o levou a pensar que ela mantivera relacións sexuais con outro home.
Entou, pegoulle por primeira vez entre insultos e "comezou un verdadeiro tormento" para ela.
Un ambiente de absoluto terror
As agresións físicas e sexuais aumentaron progresivamente, xa que o agresor empezou a utilizar obxectos para causarlle unha maior dor.
"Todo iso con tal virulencia, vileza e crueldade, que lle xeraron un ambiente de absoluto terror, ata o punto de poder perder a vida polas brutais malleiras recibidas", describe a sentenza.
Case dúas semanas despois, levou a moza a outra casa de Fuenlabrada, na que alugou unha habitación, onde a partir do segundo día retívoa para que non se comunicase cos outros ocupantes -dous irmáns e a parella dun deles-.
Alí permaneceron ata o 23 de novembro cando a vítima conseguiu zafarse do agresor mentres estaba no cuarto e alertar os compañeiros de piso, que a toparon no chan "espida e bañada en sangue".
"Tiña tan mazado, inchado e ensanguentado todo o seu corpo polas numerosas e brutais malleiras recibidas, que se atopaba ao límite de perder a vida por mor da súa deterioración física e anímica", reza o veredicto.
A Audiencia Provincial de Madrid condenou o mozo a 49 anos e 11 meses de prisión por intento de asasinato coa agravante de parentesco e de xénero, agresión sexual, malos tratos físicos e psíquicos habituais, trato degradante, lesións, ameazas e detención ilegal.
Ademais, impúxolle unha indemnización de 202.342 euros á vítima. O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid confirmou a sentenza pero o condenado recorreu ante o Supremo.
Quería restarlle credibilidade ao relato da vítima e negou os feitos coa excepción das lesións, que admitiu só na noite da súa detención. Segundo dixo, lembraba "vagamente" os feitos porque consumira alcol e cocaína.
O Supremo dá "plena fiabilidade" á vítima
Porén, o alto tribunal rexeita as súas alegacións e ratifica a sentenza.
"A declaración da vítima non foi contradita por testifical nin elemento de proba algún; a natureza, extensión e gravidade das lesións que presentaba, non só recentes senón de distintos estadios evolutivos, bastan sobradamente para outorgar plena fiabilidade ás súas manifestacións; e ademais, cada un dos vestixios atopados na habitación, onde estaba a agonizar a vítima, corroboran o seu testemuño".
Respecto á toxicomanía e á embriaguez, a Sala destaca que a documentación é sempre posterior aos feitos, "non resulta autoacreditativa da situación do recorrente anterior e no momento do feito".
Do mesmo xeito, considéraa "insuficiente" para explicar calquera afectación "nunha conduta continuada e da gravidade" como a que recollen os feitos.
