Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Constitucional nega que se poida reclamar a plusvalía tras o 26 de outubro

O Constitucional nega que se poida reclamar a plusvalía tras o 26 de outubro

O Constitucional anulou a plusvalía municipal por "excesiva e esaxerada"

O Goberno anuncia que modificará o texto para emendar as partes declaradas inconstitucionais e dar seguridade ao financiamento dos concellos
 

G24.gal 03/11/2021 20:14

Xa non haberá que pagar o imposto da plusvalía cando se venda ou herde algún inmoble, polo menos de momento. Pero o Tribunal Constitucional pecha a porta as reclamacións posteriores ao 26 de outubro

O Tribunal Constitucional anulou varios elementos polos que se rexe o cobro das plusvalías, unha das figuras fiscais onde os concellos máis recadan, porque o prezo non se axusta á realidade do mercado inmobiliario.

Iso si, os que xa pagaron non volverán ver eses cartos porque  a sentenza, que se ditou o pasado 26 de outubro, non ten carácter retroactivo. Só cobrarán os que reclamaran antes desa data. Os alcaldes piden explicacións ao Goberno, que asegura que xa están elaborando un texto legal para corrixir eses elementos que se declaran inconstitucionais.

A plusvalía municipal é o imposto que se paga cando se vende unha vivenda con ganancias, e supón na actualidade unha das principais fontes de financiamento para os concellos de todo o país.

En maio de 2017, o Tribunal Constitucional xa declarou inconstitucional este imposto nos casos en que os inmobles se vendían con perdas. Daquela esixiu unha reforma na Lei de facendas locais que, catro anos despois, aínda non se produciu.

Agora a sentenza, ademais de poñer couto ás futuras reclamacións, xera un baleiro normativo para os concellos.

A ministra de Facenda anunciou este mércores que modificarán o imposto: "Levaremos ao Consello de Ministros un texto legal para correxir aqueles elementos declarados inconstitucionais, dando tranquilidade aos contribuíntes e ao financiamento das entidades locais", asegurou no Congreso María Jesús Montero. 

A sentenza do Constitucional non foi unánime. Algúns maxistrados consideraron que sería preferible darlle un prazo ao Congreso para que elaborase unha nova normativa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar