O Consello da Cultura propón preto de cen medidas para fomentar o uso do galego
Abarca todos os sectores: xustiza, sanidade, deporte, turismo ou educación
Propoñen un proxecto piloto lingüístico que imparta a maioría de materias en galego
O Consello da Cultura Galega propón 96 medidas para reverter, di, a situación do galego. Abarca todos os sectores: xustiza, sanidade, deporte ou o turismo. Tamén a educación. Propoñen implantar un proxecto piloto lingüístico que imparta a maioría de materias en galego.
No seu informe 'Un país coa súa lingua. Foro participativo', o CCG destaca que "faltan unhas condicións mínimas para que a normalización da lingua teña éxito", entre as que cita "unha maior coordinación entre as institucións" e unha "mellor infraestrutura dixital".
Ademais, estima que se precisa "máis formación en todos os niveis e, sobre todo, establecer indicadores que permitan coñecer os avances en planificación e normalización lingüística", á vez que considera que o marco económico actual "é claramente insuficiente".
Entre as medidas concretas inmediatas que -segundo o informe- non precisan dun cambio normativo, o informe insta as administracións a crear "unha planificación anual arredor da lingua", con orzamento, seguimento e rendición pública de resultados.
Así mesmo, propón incorporar cláusulas lingüísticas na contratación pública, "buscando favorecer o uso do galego nos servizos externalizados".
No ámbito da xustiza, postula crear unidades piloto que operen integramente en galego, así como modelos estandarizados de escritos e comunicacións, mentres que en economía defende "realizar integramente os procesos empresariais (estatutos, contratos, manuais, asesoría xurídica)" no idioma propio de Galicia.
Para os medios de comunicación propón redactar un "código voluntario para que respecten a lingua orixinal das entrevistas e as conferencias de prensa realizadas en galego".
En educación, o CCG avoga por "alternar" a lingua vehicular dalgunhas materias e a creación e o uso de materiais en galego en áreas como as ciencias, ademais de implantar un proxecto piloto de carácter voluntario que garanta "que se proporcionan competencias lingüísticas e oportunidades de uso real equivalentes en galego e castelán".
Ao mesmo tempo, o Consello propón tamén cambios estruturais, que requiren prazos de implantación máis longos, entre os que destaca a oferta de liñas educativas en galego, sempre que exista demanda suficiente e consenso coa comunidade educativa, para "garantir que as familias que queiran unha escolarización maioritaria" nesa lingua poidan acceder á mesma no sistema público.
Tamén defende crear unha rede pública de servizos de normalización lingüística con recursos suficientes, cun programa estable de financiamento e apoio técnico, especialmente na administración de xustiza e no Sergas.
Mesa de diálogo coas plataformas dixitais globais
No ámbito cultural, postula a creación dunha mesa galega de diálogo coas plataformas dixitais globais (Google, Meta, Spotify, TikTok) con participación das administracións autonómica e central para "tratar algoritmos que penalizan linguas como o galego", ademais da dun fondo mixto e de incentivos fiscais ao mecenado para apoiar a creación e distribución de contidos nese idioma.