Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Concello de Vigo apoia a concelleira imputada polo accidente mortal do Saltamontes

O Concello de Vigo apoia a concelleira imputada polo accidente mortal do Saltamontes

PP e BNG esixen o cese inmediato da concelleira e de non ser así convocarán un pleno extraordinario para que o alcalde dea explicacións

A familia do mozo falecido no accidente do Saltamontes tamén vai recorrer o auto porque considera que tamén deberían ser xulgados o presidente da comisión de festas de Matamá e o xefe de seguridade do Concello de Vigo

Atracción do Saltamontes, onde tivo lugar o accidente mortal
G24.gal 08/05/2026 14:25

O alcalde de Vigo apoia a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, tras a súa imputación por homicidio imprudente no accidente do Saltamontes, e recorrerá o auto xudicial.

PP e BNG consideran inadmisible que Patricia Rodríguez continúe á fronte da área de Seguridade e Festas de Vigo tras a súa imputación por homicidio imprudente.

"O máis grave dese auto son os motivos desa imputación, que confirman o que nós xa viñamos denunciando: que detrás desa traxedia que podería evitarse, hai unha clara responsabilidade e neglixencia por parte do Goberno de Abel Caballero", di Xabier Igrexa, voceiro do grupo municipal do BNG. 

O Partido Popular dá un ultimato ao Goberno municipal e se esta tarde a concelleira non está cesada do seu cargo convocarán un pleno extraordinario.

"O alcalde debe render contas e tomar decisións. A primeira debe ser destituír a Patricia Rodríguez e despois dar a cara e dar explicacións. Estamos ante unha clara neglixencia na xestión", comenta Luisa Sánchez, voceira popular no Concello.

O Goberno municipal di que mantén a confianza na concelleira de Seguridade e van presentar recurso contra o auto xudicial.

Tamén vai recorrer o auto a familia do falecido. Aínda que satisfeitos coa imputación da concelleira e do propietario da atracción, non están de acordo co sobresemento das imputacións contra o presidente da comisión de festas e do xefe de Seguridade do Concello, que tamén asinou a resolución que impedía a posta en marcha da atracción.

"Xa empezaran as festas cando se ditou a resolución. Tanto a concelleira coma o xefe de servizo actuaron tarde e mal", di Francisco Méndez, avogado da familia.

No accidente do Saltamontes, nas festas de Matamá en agosto do 24, perdeu a vida o mozo Iván Castaño ao se desprender un brazo hidráulico da atracción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade