A concelleira de Vigo Patricia Rodríguez, a xuízo polo accidente mortal do Saltamontes
O xuíz acorda procesar a edil por homicidio imprudente e lesións por imprudencia grave
O propietario da atracción tamén será xulgado polos mesmos delitos
Non serán procesados o resto de imputados entre os que estaban o presidente da comisión de festas e o xefe da Policía Local
O sinistro foi nas festas de Matamá en agosto de 2024
O xuíz do xulgado 3 de Vigo acordou este xoves abrir xuízo polos delitos de homicidio imprudente e lesións por imprudencia grave contra a concelleira de Vigo Patricia Rodríguez e o propietario da atracción feiral o Saltamontes por un accidente mortal ocorrido en agosto de 2024 nas festas de Matamá.
Segundo recolle o auto, un dos brazos hidráulicos da atracción desprendeuse debido a un insuficiente axuste nos parafusos de suxeición, o que provocou a súa rotura por fatiga.
A madrugada do 3 de agosto de 2024, Iván Castaño, de 35 anos, faleceu nas festas da parroquia viguesa de San Pedro de Matamá tras producirse un accidente na atracción de feira.
O xuíz acordou a continuación do procedemento abreviado contra a concelleira de Seguridade e o dono do Saltamontes e decretou o sobresemento provisional para o resto dos imputados, entre eles, o xefe da Policía local.
O BNG de Vigo esixe o cesamento fulminate da concelleira
Nun comunicado, o BNG esixe "o cesamento e inmediata saída do Gobierno local" da concelleira Patricia Rodríguez Calviño.
Os nacionalistas sosteñen que "a non imputación nin da comisión de festas organizadora, nin do xefe do Servizo da área de Seguridade do Concello, nin do xefe da Policía Local, sinala de xeito incontestable que a responsabilidade se sitúa, máis aló da propiedade da propia atracción, tamén na dirección política e na propia acción de goberno".
O BNG considera que o auto sinala de "xeito contundente" que o Goberno municipal non adoptara as medidas necesarias para evitar que a atracción se puxese en marcha.