Publicador de contidos

Publicador de contidos

O avogado de Santos Cerdán declara como imputado no caso Leire

O avogado de Santos Cerdán declara como imputado no caso Leire

O xuíz considera que colaborou coa suposta trama encabezada pola exmilitante socialista para anular causas xudiciais que afectan ao Goberno ou ao partido

Jacobo Teijelo reuniuse en marzo e abril de 2025 con Leire Díez e co actual fiscal do Supremo Diego Villafañe

O avogado Jacobo Teijelo, xunto ao seu cliente Santos Cerdán (Arquivo/Eduardo Parra/Europa Press) O avogado Jacobo Teijelo, xunto ao seu cliente Santos Cerdán (Arquivo/Eduardo Parra/Europa Press)
G24.gal 25/06/2026 09:14

O avogado do exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán declara este xoves como imputado ante o xuíz do caso Leire, Santiago Pedraz, no marco da rolda de interrogatorios, a maioría a testemuñas, que deu comezo este pasado martes e que se estenderá ata mediados de xullo.

Pedraz considera que Jacobo Teijelo colaborou coa suposta trama encabezada pola exmilitante socialista Leire Díez para anular causas xudiciais que afectan ao Goberno ou ao partido a través de manobras contra xuíces, fiscais ou responsables da UCO.

O papel de Teijelo na trama

Segundo se desprende do sumario desta causa, foi designado por Díez responsable das actividades da área de hidrocarburos, labor polo que presuntamente recibiu polo menos 125.000 euros procedentes do PSOE.

Este avogado está ademais vinculado a un dos agora imputados nesta causa, o capitán da Garda Civil Juan Sánchez Yepes, ao que defende pola presunta fraude de hidrocarburos da empresa Gaslow, propiedade de Claudio Rivas, considerado socio do comisionista do caso Koldo Víctor de Aldama, caso que tratou sen éxito de anular.

A investigación revelou ademais que se reuniu en marzo e abril de 2025 xunto a Leire Díez con quen era man dereita do exfiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz, o entón tenente fiscal da Secretaría Técnica Diego Villafañe, actualmente fiscal do Tribunal Supremo.

En resposta a un requirimento do xuíz, a Fiscalía Xeral do Estado informou de dúas reunións, unha o 6 de marzo de 2025, e outra entre finais de marzo e principios de abril, nas que Leire Díez foi presentada, segundo o Ministerio Público, como unha compañeira de despacho, tivo unha intervención menor e sóubose da súa identidade posteriormente polos medios de comunicación

A súa relación con Leire Díez fíxose pública ao filtrarse unha reunión que ambos mantiveron por videoconferencia no seu despacho con outro acusado nunha causa de hidrocarburos que se atopa fuxido, Alejandro Hamlyn, ao que a exmilitante do PSOE pediu información para desprestixiar o tenente coronel da UCO Antonio Balas, responsable da maior parte das investigacións que afectan ao Goberno ou a familiares do presidente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade