Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lalín celebra o Gran Prix da Velutina e premiará as parroquias que capturen máis

Lalín celebra o Gran Prix da Velutina e premiará as parroquias que capturen máis

O Concello reparte 500 trampas entre veciños para o control da vespa asiática

Recibirán unha charla formativa para saber como e onde colocalas durante este mes e medio de trampeo

G24.gal 09/05/2022 14:41

Hai anos que se está a loitar en Galicia contra unha das especies invasoras que máis rápido se estendeu na nosa comunidade, a velutina. E como cada primavera, apicultores e moitos concellos galegos reparten trampas entre a veciñanza para reducir o seu número, capturando as raíñas para evitar así que formen os niños.  

A primavera é a época clave. Coa súa chegada, as raíñas comezan a espertar da hibernación e inician a súa actividade. E isto precisamente é o que se quere impedir, que as velutinas aumenten de número, de aí que evitar a formación dos niños sexa a mellor ferramenta de prevención.

"Cada unha que pillamos agora é un niño menos. Vale máis unha raíña agora que mil obreiras despois", explica Jorge Peña, apicultor lalinense. 

Este ano o espertar das raíñas foi máis tarde, e por iso o Concello de Lalín está a repartir agora as trampas entre os veciños, ensinándolles tamén como facer a mestura que servirá de atraente con levedo, azucre e auga.

En total repartiranse unhas 500 e amais recibirán unha charla formativa, de Jorge Peña e David Liñares tamén apicultor de Lalín, para saber como e onde colocalas durante este mes e medio de trampeo. Neste senso, David indica que as velutinas "traen do seu país de orixe, na súa memoria xenética as árbores que hai onde veñen, entón a camelia é unha delas. E logo aquí nas nosas autóctonas temos as froiteiras como o pexegueiro". 

Amais de formar aos veciños de como colocar as trampas que se están a repartir, tamén lles ensinan como facer unha trampa caseira reutilizando envases de plástico. Realizando dous cortes en cruz no recipiente, "a uns doce ou quince centímetros da parte inferior da botella, introducimos dous tubos, un a cada lado, colgámoslle un cordel e así obtemos unha trampa caseira" explica Jorge Peña. 

Coa campaña celebrarán amais o Gran Prix da Velutina, unha competición entre parroquias na que se premiará ás que logren atrapar máis. Un xeito de animar a xente a colocar trampas para capturar velutinas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade