Os expertos do ministerio aconsellan subir o SMI entre un 3,1 % e un 4,7 %
O comité que asesora o Ministerio de Traballo contempla dous escenarios posibles para a subida do SMI de 2026: un salario de 1.221 euros ao mes sen tributar no IRPF ou un de 1.240 euros ao mes con tributación fiscal
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, durante un encontro coa comisión de expertos do salario mínimo interprofesional (SMI),na sede do Ministerio,a 1 de outubro de 2025 en Madrid ( Gustavo Valiente/EuropaPress)
O comité de expertos que asesora o Ministerio de Traballo expuxo dúas propostas para a subida do salario mínimo interprofesional (SMI) de 2026: un 3,1 % se segue exento de tributación e un 4,7 % se comeza a tributar.
Segundo adianta El País e confirman a EFE fontes do Ministerio de Traballo, a primeira proposta elevaría o SMI a 1.221 euros brutos ao mes en 14 pagas, 36,7 euros máis ca o vixente, e a segunda faríao en 55,6 euros, ata os 1.240 euros.
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz pedira aos expertos que formalizasen dúas propostas de contías, unha exenta de tributar e outra aplicando o tipo marxinal que corresponde, co obxectivo de que se cumpra co 60 % do salario medio neto.
O ano pasado, coa subida do 4,4 %, que situou o SMI nos 1.184 brutos euros mensuais, o Ministerio de Facenda avogou por que comezase a tributar, algo ao que se opuxo Traballo e concluíu cunha solución temporal en forma de exención para este exercicio.
Traballo convoca este comité para que dea unha recomendación, habitualmente unha franxa de subida, que logo traslada a patronal e sindicatos, aínda que a fixación do SMI é potestade do Goberno e non require desa negociación. Os sindicatos CCOO e UXT avanzaron que a súa proposta de incremento do salario mínimo profesional é do 7,5 %, ata os 1.273 euros brutos ao mes, e que pase a estar suxeito á tributación correspondente de IRPF. Xunto ás súas propostas de incrementos, os sindicatos esixen un cambio legal para que a alza do SMI non se poida absorber en pluses e complementos.
Pola súa banda, as patronais CEOE e Cepyme propuxeron un incremento do 1,5 % para 2026, ata os 1.202 euros brutos ao mes, en 14 mensualidades, e que tamén comece a tributar.
A CEOE argumenta esta subida do 1,5 % en que o SMI xa superou o 60 % do salario medio neto, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), e porque está en liña coa prevista para os empregados públicos para o próximo ano.EFE