O colectivo de procuradores insta a chegar a un acordo para por fin á folga de letrados
O colectivo de procuradores insta a chegar a un acordo para por fin á folga de letrados
As negociacións retomáronse este venres, despois de case dous meses de folga
A partir do mércores vindeiro haberá máis xuntanzas para intentar solucionar o conflito
O paro indefinido deixa xa máis de 330.000 xuízos suspendidos en toda España
O comité de folga dos letrados xudiciais retomou este venres as negociacións con representantes do Ministerio de Xustiza, e contou tamén coa intervención, por primeira vez, do Ministerio de Facenda e Función Pública.
Este é o inicio dunha nova negociación tras case dous meses de paro indefinido. O colectivo de procuradores, afectados pola folga, insta as partes a chegar a un acordo canto antes.
"Nós respectamos o dereito á folga dos letrados, o que non entendemos é unha negociación entre os letrados e o Ministerio de Xustiza que se dilate desta maneira, que estiveran semanas sen falar entre eles. Exhortamos as partes a que chegaran a un acordo urxente, porque canto máis se dilate máis difícil vai ser recuperar a normalidade", di Fernando González-Concheiro, decano do Colexio de Procuradores de Santiago.
A partir do mércores haberá máis xuntanzas para intentar solucionar este conflito, que deixa xa máis de 330.000 xuízos suspendidos en toda España.
"En Galicia estanse a suspender case todos os procedementos, o grao de seguimento da folga é distinto segundo as comunidades pero en Galicia estanse a suspender todos os sinalamentos, que despois haberá que volver a axendalos, como pois unha autorización dun menor, ou quedas no paro e tes que modificar medidas... hai moitos asuntos que están aí e non se poden facer", engade Fernando González-Concheiro.
Entre as reivindicacións que manteñen os letrados xudiciais está unha cláusula de enganche á lei de retribucións de xuíces e fiscais para non cobrar nunca menos do 85 % respecto a estes operadores da Xustiza, sempre que teñan a mesma antigüidade, e que o seu soldo non sexa menor nas poboacións pequenas.
