O Centro de Investigacións Mariñas fai 50 anos como "referente internacional"
Actualmente ten en marcha 22 accións de investigación, entre elas unha única no mundo sobre o cultivo do salmonete de rocha
O Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), con instalacións en Vilanova de Arousa e Ribadeo, fai medio século de vida. Naceu en Vilaxoán en 1975 para o cultivo da ostra plana, e dende entón suma 850 comunicacións científicas sobre acuicultura e recursos pesqueiros.
Actualmente ten en marcha 22 accións de investigación, entre elas unha única no mundo sobre o cultivo do salmonete de rocha. O centro, que depende da Consellería do Mar, celebra este aniversario como "referente internacional" na investigación dos recursos mariños, a acuicultura ou as enfermidades dos moluscos e na formación dos profesionais do mar.
No acto de aniversario, celebrado este mércores en Vilanova de Arousa, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a aposta do Goberno galego por unha investigación útil e conectada ao territorio e lembrou o plan que hai en marcha para reter e atraer científicos. O CIMA conta con 35 profesionais e un plan de investigación ata o 2027 dotado cun presuposto de case 3 millóns de euros.