O caramuxo bravo das Illas Atlánticas, un organismo modelo en ecoloxía evolutiva
O estudo Singulargen, da Universidade de Vigo estuda a orixe das especies a través destes caramuxos
No Parque Nacional hai catro ecotipos adaptados ás condicións de cada illa
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
O proxecto científico Singulargen, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), co que colabora a Xunta, investiga os mecanismos de formación das especies mediante a análise da xenómica do caramuxo no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O pequeno gasterópodo localízase no intermareal rochoso do Atlántico norte e permite observar nun organismo vivo as fases iniciais de formación de novas especies. Este molusco intermareal carece de fase larvaria planctónica e posúe unha escasa capacidade de dispersión, o que favorece que as súas poboacións diverxan xeneticamente a escalas de poucos metros e xeren variacións locais ou ecotipos moi estables.
O estudo do CIM analiza os catro ecotipos que se reproducen nas costas das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e compara centos de miles de posicións do xenoma entre as catro illas do Parque e as costas continentais. Realiza unha análise de individuo a individuo nos ecotipos Cíes e Crab das Illas Cíes, e cruza o xenoma de cada exemplar coa forma da súa cuncha e coa súa tolerancia á calor.
Estudo do ecotipo exclusivo de caramuxo bravo na Lagoa dos Nenos, nas Cíes
Os resultados, ademais de contribuír á ecoloxía evolutiva, terán unha aplicación directa na conservación destas poboacións e permitirán estimar o censo efectivo, actual e histórico da poboación da Lagoa dos Nenos, unha lagoa illada do mar situada entre as illas de Monteagudo e Faro, onde se atopa un cuarto ecotipo exclusivo desta localización denominado Cíes -que carece de bandeado e cunha concha máis fina e alongada- e descrito polo equipo investigador no ano 2020.