O cemiterio máis pequeno de Galicia tamén acolle o Día de Santos
O cemiterio máis pequeno de Galicia tamén acolle o Día de Santos
Con apenas 30 metros cadrados e tres panteóns, converteuse nun reclamo para turistas
O camposanto foi profanado o pasado mes de xullo
Aínda están visibles os efectos dos actos de vandalismo que sufriu este cemiterio de Soutomerille, en Castroverde, o pasado mes de xullo. Aínda así, os familiares das persoas enterradas neste camposanto, que está considerado o máis pequeno de Galicia, volveron levar flores ás tumbas para manter a tradición do Día de Todos os Santos, e está previsto que pola tarde sigan chegando.
Os veciños saben que o cemiterio é un espazo único e moi especial e apostan por seguilo coidando.
Por estar a escasos metros do Camiño Primitivo a Santiago e polas súas dimensións, arredor de trinta metros cadrados, o cemiterio de Soutomerille converteuse nun lugar moi concorrido por peregrinos e turistas nos últimos anos.
En total hai tres panteóns con 18 nichos e unha tumba cavada no chan. Ademais, a contorna de carballos e o feito de estar afastado das casas convérteno nun lugar moi particular e, segundo os veciños, case máxico.
Este minúsculo cemiterio forma parte do Catálogo Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.