Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta, á busca da primeira vitoria en Elx (16:15 h)

O Celta, á busca da primeira vitoria en Elx (16:15 h)

O equipo vigués culmina unha esixente semana, que comezou coas saídas a Vallecas e Stuttgart

Os vigueses non terán o descanso obrigatorio da Liga de 72 horas desde a estrea europea

G24.gal 27/09/2025 13:18

O Celta concéntrase no terceiro enfrontamento da semana. Tras visitar o Raio e o Stuttgart, na estrea europea, mañá terceira saída. Xoga en Elx. A esixencia dos últimos sete días, con tres partidos lonxe de Balaídos, súmase a necesidade de acadar a primeira vitoria do curso.

O equipo de Claudio Giráldez acumula cinco empates consecutivos na Liga, todos eles por un idéntico resultado de 1-1, despois da derrota na xornada inaugural contra o Xetafe aló polo mes de agosto.

En Europa, o cadro vigués vén de apañar unha dura derrota en Stuttgart, non tanto polo resultado (2-1) como polas sensacións, sendo superado en gran parte do partido polo equipo alemán. Sen tempo para deixar atrás este partido, xa que os galegos volvían no mediodía do venres a Vigo para adestrarse xusto a seguir, onte viaxaron a Elx, con só dúas sesións para preparar o encontro. Esta situación foi denunciada por Borja Iglesias, xa que existe a norma de que os equipos gocen como mínimo dun descanso de 72 horas entre partidos. Non vai ser o caso para os vigueses, que hoxe disputan o encontro do Martínez Valero a partir das 16:15 h.

Claudio Giráldez sabe da urxencia de acadar a primeira vitoria, pero pide prudencia. "Todos queremos gañar. Entendo que estou sometido e xulgado polos resultados, pero temos que facer unha análise máis profunda. Houbo partidos nos que estivemos máis preto, e outros, como o último, en que non xogamos ben".

Sobre o partido, Claudio indica: "Temos que ser conscientes da dificultade que ten gañar un partido nesta categoría. Xogamos contra un equipo moi difícil, que aínda non perdeu ningún partido. Temos que estar ben".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar