O CEIP Sagrada Familia da Coruña e o CPI O Cruce de Cerceda, gañadores dos premios DígochoEu
Más de 500 escolares acudiron á gala de entrega de galardóns, este martes en Santiago, na que foron premiados seis centros de primaria e secundaria
O evento, conducido pola xornalista e presentadora Esther Estévez e polo reporteiro da TVG Óscar Cruz, conta coa actuación do grupo compostelano Ulex
Televisión de Galicia emitirá a gala na súa programación especial o Día das Letras Galegas (sábado 12:00 h) e tamén quedará dispoñible en AGalega.gal
A CRTVG celebrou este martes na Cidade da Cultura de Santiago a gala de entrega dos IV premios escolares DígochoEu, unha gran festa da lingua en que se coñeceron os centros educativos gañadores deste certame de vídeos en galego.
Ao evento acudiron arredor de 500 escolares, os seus mestres e familiares, así como o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez; o director de Innovación da CRTVG, José Pereira, e Xaime Arias, director de Proxección Social. A gala foi presentada por Esther Estévez e polo reporteiro da TVG Óscar Cruz.
A Televisión de Galicia emitirá a gala na súa programación especial o Día das Letras Galegas, o sábado 17 de maio (12:00 h) e tamén quedará dispoñible na plataforma dixital AGalega.gal.
Na categoría de Educación Primaria, o premio de Ouro foi para o CEIP Sagrada Familia da Coruña, co vídeo ‘Climatoloxía’; o de Prata para o CEIP As Bizocas do Grove, que presentou o vídeo ‘Mariscos e peixes’, e o de Bronce para o CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol) por ‘Expresións ferrolás’.
En Educación Secundaria resultaron gañadoras as propostas do CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda, coa peza ‘Goza coa túa lingua’, que levou o premio de Ouro; do IES Fontem Albei (A Fonsagrada), polo vídeo ‘Foliada’, que gañou o premio de Prata, e do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, coa peza ‘Expresións da Costa da Morte’, gañadora do premio de Bronce.
O xurado desta convocatoria 2024/2025 estivo formado por María Manuela Leis Cambeiro, asesora docente da secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e por Carla Núñez e Marcos López, creadores de contido dixital baixo a marca Todo mal, que elixiron os gañadores pola calidade lingüística e expresividade dos vídeos, a súa orixinalidade e a innovación do contido.
A cuarta edición do concurso conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua e a colaboración de Gadis.
DígochoEu é un proxecto da CRTVG que leva desde 2020 traballando a prol do galego, cun especial impacto nas xeracións máis novas e un gran éxito nas redes sociais, nas que se publican os vídeos e se explican dúbidas sobre o uso correcto da lingua. A comunidade construída arredor do ‘DígochoEu’ tivo, desde os seus comenzos, unha acollida sen precedentes na comunidade educativa.