15.000 persoas corren con Enki pola inclusión das persoas con diversidade funcional
Na Coruña, quince mil persoas esgotaron os dorsais para colaborar
Os cartos racadados, preto de cen mil euros, destinaranse integramente a proxectos inclusivos
A zona do Parrote converteuse nun circuíto de obstáculos 100% accesible e solidario
A carreira Enki é a mellor proba do potencial do deporte como ferramenta pola inclusión. Na Coruña, quince mil persoas esgotaron os dorsais para colaborar cunha experiencia solidaria perfecta para gozar en familia ou entre amigos.
"Sentímonos abrumados ano tras ano pola acollida e por todo este apoio, por estas quince mi persoas que esgotaron os dorsais dez días antes", di Carmen Touza, da Fundación Enki.
"Apuntámonos a todo o que ten que ver do deporte, coa inclusión e coa solidariedade. Aí estamos nós poñendo o noso grao de area", comenta unha participante.
Enki é, con diferenza, a carreira con maior participación de cantas se organizan en Galicia. E tamén a menos competitiva e a máis divertida.
"Estamos compartindo cun montón de persoas con diferentes limitacións, pero todos podemos participar nesta festa". "É unha carreira para todos. Só hai que vir a pasalo ben", din dúas corredoras.
Cada un ao seu ritmo e ao seu xeito. Todos superaron máis de vinte obstáculos nun circuíto de dous quilómetros e medio. Os cartos recadados, preto de cen mil euros, destinaranse integramente a proxectos inclusivos.