Verín réndese ao látego do cigarrón e ás cores e música das comparsas no desfile do Domingo Gordo
Ás doce da mañá, nas rúas da vila no centro da vila xa non cabía un alfinete
Durante o Entroido a autoridade tena o cigarrón
O Entroido de Verín está declarado de Festa de Interese Turístico Nacional
Hoxe é Domingo Gordo de Entroido en Verín. Desde que amence, a troula e a festa respíranse e séntense nas rúas. Ninguén é alleo, nin veciños nin visitantes, a ese recendo dun Entroido ancestral como o de Verín e a todos lles latexa o corpo ao ritmo enxordecedor das chocas.
Ás doce da mañá, no centro da vila xa non cabía un alfinete, pero a multitude abríase cun respecto case relixioso cando aparecía a primeira máscara. O cigarrón non camiña: trota, salta e castiga. O son das súas chocas, ese son pesado e rítmico, é o metrónomo que marca o pulso da festa.
As súas máscaras de madeira, con ese sorriso perenne e retranqueiro, desafían o espectador que observa desde a beirarrúa, mentres a zamarra, que é o seu látego, lembra que, durante o Entroido, a autoridade non a ten o político nin o policía, senón a máscara.
Pero non só son cigarróns, tamén hai quenda para o enxeño popular. O desfile de carrozas cada ano eleva o listón da sátira social. Nada se salva do humor verinés, para ledicia de veciños e visitantes.