O Cangas, incapaz de manter o ritmo do Granollers na segunda metade
Os galegos aguantaron o primeiro tempo (18-16), pero na segunda parte o ritmo ofensivo dos cataláns resultou determinante
O Cangas Frigoríficos do Morrazo perdeu na pista do Fraikin Granollers por 40-31. Un partido con dúas partes moi diferenciadas. Na primeira, os cangueses aguantaron o ritmo do seu rival, pero na segunda xa lles foi imposible ante un dos candidatos a estar na zona alta da Asobal.
Comezou o Granollers cunha boa vantaxe (9-5), pero o Cangas xogou os mellores minutos e aguantou ata o descanso para irse metidos de cheo (18-16).
Todo cambiou na segunda metade con outra arreada local (26-20), que xa sería imposible de contrarrestar. A diferenza, lonxe de decrecer, comezou a medrar grazas ás rápidas contras dos locais, que acabaron gañando por nove goles de diferenza.
Bo partido en ataque de Fodorean (seis goles), o máximo anotador xunto aos locais Víctor Romero e Pablo Guijarro.