Julia Benedetti, sexta do mundo en skate: "Só se aprende fallando e caendo"
A deportista coruñesa, dúas veces olímpica, realizou unha gran competición en Sao Paulo e agarda seguir na boa liña para optar aos Xogos de Os Ánxeles
A skater coruñesa Julia Benedetti acaba de ser sexta no último mundial celebrado en Sao Paulo, o mellor resultado da súa carreira deportiva. Malia mancarse nunha costela nas semifinais por unha caída forte non lle impediu afrontar con optimismo a final e saír ben parada malia competir con moita dor.
"En moi pouco tempo tés que facer todos os trucos que poidas, son 45 segundos nos que hai que estar ao máximo" confesoulle Benedetti á Televisión de Galicia. A atleta olímpica estuda enxería matemática e compatibilízao co deporte. Pola mañá adícalle as horas aos libros e pola tarde á práctica do skate; unha de traballo físico e tres de patín.
O que comezou como divertimento converteuse nunha profesión. Benedetti recoñece que "só se aprende fallando e caendo. Nunca sae un truco no primeiro intento que fas". "Faime ilusión ver a nenos comezar no skate. Eu practicaba moitos deportes pero non había un que fose a miña paixón. Gústame que os nenos proben o skate e que descubran que pode ser a súa paixón", asegurou Benedetti que pon a ollada en Os Ánxeles: "Dous anos de prazo é moito pero intentarei que os campionatos saian o mellor posible".