O Camiño Primitivo dá acubillo a Ruta dos Dereitos Humanos
Unha fundación norteamericana promove a declaración universal a través de placas artísticas no Camiño Primitivo
Trinta dereitos universais, trinta placas conmemorativas. Esa é a parte visible dun proxecto que unha fundación norteamericana ideou para promover unha ruta dos dereitos humanos no camiño primitivo. Tratan así de promover a defensa dos dereitos humanos aproveitando os mesmos ideais que moven aos camiñantes a emprender a travesía xacobea.
Devorah Sasha, directora da fundación "International Solidarity for Human Rights" encargada da iniciativa, xustifica a relación entre a Declaración universal e o tramo Primitivo: "Nese Camiño atopamos cousas moi belas que teñen que ver coa Declaración dos Dereitos Humanos: solidariedade, igualdade. Aí non importan as nosas nacionalidades, todos somos iguais".
A fundación está a instalar placas conmemorativas, deseñadas en bronce polo artista Eladio de Mora, ao longo da variante primitiva do Camiño de Santiago. Unha por cada un dos artigos recoñecidos na declaración universal dos dereitos humanos. No tramo asturiano xa entregaron 15 destes distintivos, e en Galicia xa só lles quedan cinco por inaugurar.
"A idea é que vaias placa por placa e que vaias deténdote a analizalos, a entendelos, a compartilos, a falar sobre eles", asegura Elizabeth Sanchez, presidenta da organización.
A fundación pretende promover a educación e a divulgación dos dereitos humanos a través das artes. E para iso dan charlas nos colexios do Camiño, onde explican a transcendencia desta declaración universal.
Ao mesmo tempo promocionan a importancia da ruta xacobea noutros países. "O noso compromiso como organización -mantén Elizabeth Sanchez- é seguir vindo e promovendo o Camiño de Santiago os vindeiros anos. De feito, volvemos en maio cun grupo de estudantes do Miami Dade Colleage".
A ruta dos dereitos humanos quedará inaugurada en setembro do ano que ven coincidindo coa celebración do ano santo xacobeo.