Pontón admite que os resultados do BNG "non cumpren as expectativas"
A líder dos nacionalsitas ábrese a negociar un goberno progresista co que defender "unha axenda galega"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, admitiu este domingo que os resultados deste 23 de xullo non cumpriron “as expectativas” marcadas ao quedar cun único representante que volverá ser pola Coruña, Néstor Rego.
Pasadas as once e media da noite, a líder do Bloque pronunciouse así sobre os resultados deste domingo no que cultivaron o 9,5 % de apoio dos votos en Galicia e que supón só un 1 % máis dos obtidos nos comicios de 2019.
“Non cumprimos as expectativas”, sentenciou Pontón, que lamentou o resultado na provincia de Pontevedra onde os nacionalistas quedaron “moi preto dun escano”.
A líder do Bloque incidiu en que a campaña electoral produciuse “nun espazo difícil para o BNG” cun escenario no que se “politizou a campaña” cara a un contexto “moi presidencialista” e no que non houbo oco para que se falase de Galicia, considerou.
Con todo, puxo en valor que os resultados afastan, ao seu xuízo, a posibilidade dun goberno de “dereita e extrema dereita” e, por iso, insistiu en que desde agora se abre a negociar un goberno progresista con que defender unha axenda galega. “Os números dan e o conxunto da cidadanía deixou unha mensaxe nas urnas” para evitar un Goberno de dereitas e conformar un goberno que permita “a moitas persoas respirar tranquilas”, esgrimiu Pontón.
Tamén asegurou que o BNG traballará para evitar “o risco dunha repetición electoral” ante a posibilidade de que ningún dos bloques consiga conformar un Goberno.
Por último, Pontón agradeceu ás “máis de 152.000 persoas que optaron pola papeleta do BNG con toda ilusión” porque saben que é o voto que “serve para que Galicia estea defendida en Madrid”.
O deputado que conseguiron manter, dixo, “vai servir para continuar impulsando a axenda galega e defender os dereitos e liberdades”.
Pola súa banda, Néstor Rego sostivo que a súa representación non será "en clave provincial" defendendo só A Coruña senón que será a voz de todos os galegos.