Tomé formaliza a renuncia como presidente da Deputación, que non será efectiva ata o día 30, pero non entrega a acta
Tomé formaliza a renuncia como presidente da Deputación, que non será efectiva ata o día 30, pero non entrega a acta
Antes de oficializar a dimisión Tomé presidiu a Xunta de Goberno do organismo provincial, coa ausencia do BNG
A formación nacionalista pídelle ao PSOE que axilice a remuda e que "deixe este absurdo"
Lara Méndez asegura que é falso que lle pedise a unha muller que non denunciase a Tomé
O PP critica que o PSOE permita que Tomé siga sendo "presidente na sombra"
Comunicado de varios alcaldes do PSOE en Ourense: "Quen retarda investigacións é cómplice"
José Tomé, que tras ser denunciado por acoso sexual pediu a baixa cautelar como militante do PSOE, formalizou este venres a súa renuncia ao cargo de presidente da Deputación de Lugo, informa esta institución vía comunicado.
A partir deste intre, Tomé continuará exercendo as súas funcións como deputado provincial non adscrito, de modo que participará na votación para elixir o seu sucesor ou sucesora á fronte e tampouco atendeu, segundo esta nota, a petición do PSdeG para que entregue a súa acta na corporación.
A renuncia como presidente da Deputación será efectiva o 30 de decembro. Ese día está previsto un pleno da corporación provincial que deberá aceptala. A partir dese momento a Presidencia quedará formalmente vacante.
Mentres tanto, José Tomé, exercerá como presidente en funcións, e a partir desde día 30 será o presidente provincial, Efrén Castro, do BNG, quen asuma a totalidade das funcións ata o día en que se elixa un novo presidente ou presidenta.
O pleno para a súa elección ata o décimo día hábil, ás 12:00 horas, é dicir, o mércores 14 de xaneiro.
O posicionamento de José Tomé pode resultar decisivo, dado que o bipartito mantense soamente por un deputado de diferenza con respecto ao Partido Popular.
Na carta que acompaña á súa dimisión, facilitada aos medios de comunicación, Tomé indica: "A renuncia que hoxe formalizo non implica, en absoluto, recoñecemento de responsabilidade administrativa, ética ou penal, ao non concorrer na miña persoa ningunha conduta constitutiva de reproche ético" e moito menos "ilícito algún", engade.
Conta que sente nunha "absoluta indefensión" polar "utilización de insinuacións, suposicións e falsas acusacións de orixe descoñecida", as cales nega, para a continuación manter a "firme determinación" de conservar a súa acta, que non debe verse "condicionada" por manifestacións "falsas e absolutamente carentes de fundamento".
Reunión da Xunta de Goberno da Deputación
Antes de formalizar esa renuncia, e pesar do seu anuncio de dimisión, José Tomé presidiu este venres a reunión semanal da Xunta de Goberno da Deputación de Lugo. Ante isto, os membros do grupo provincial do BNG decidiron non asistir.
Ante os medios de comunicación, ás portas do Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, compareceu o vicepresidente da Deputación gobernada por PSdeG e BNG, o nacionalista Efrén Castro, para reafirmar a postura do seu grupo con respecto á situación que xeraron as denuncias por acoso sexual por parte de Tomé.
“Está a celebrarse agora mesmo unha Xunta de Goberno que, a pesar de anunciar a súa dimisión, está a presidir José Tomé. Como é evidente, o BNG non está a participar”, desvelou Castro.
“Nós o que lle pedimos ao Partido Socialista é que deixe este absurdo, que oficialice a renuncia e que convoque un pleno extraordinario canto antes, que perfectamente podería ser este luns, segundo o regulamento”, engadiu.
Trátase de “non alongar este dislate”. Ao seu xuízo, “hai que ver o que pasou, apoiar ás vítimas e, politicamente, dar os pasos que hai que dar. Non quedar neste impasse, que creo que nos prexudica a todos e que, claramente, prexudica a esta institución”.
“É a esixencia que, desde o grupo provincial do BNG facémoslle ao Partido Socialista”, concluíu.
O alcalde socialista de Castroverde, Xosé María Arias Fernández, tamén planta a José Tomé
Á negativa dos tres deputados nacionalistas de asistir á Xunta de Goberno da Deputación de Lugo pola presenza de José Tomé na mesma sumouse o deputado socialista e alcalde de Castroverde, Xosé María Arias Fernández.
Arias Fernández foi integrante da candidatura que disputou a José Tomé a dirección do partido provincial e que capitaneou o tamén deputado provincial, Iván Castro.
En declaracións a Europa Press Arias Fernández asegurou que foi "superior" ás súas forzas ver a Tomé "sentar presidindo a reunión". Así, aínda que defendeu o dereito de José Tomé a defenderse das acusacións, considera inadecuado que seguise presidindo a sesión "coma se nada".
Por tanto, a Xunta de Goberno celebrouse coa presenza unicamente do resto de deputados socialistas.
O PP critica que o PSOE permita que Tomé siga sendo "presidente na sombra"
O Partido Popular cualificou a situación como "un auténtico despropósito" e criticou que "o Partido Socialista siga sen aclarar se José Tomé é presidente da Deputación de Lugo".
O seu voceiro no organismo provincial, Antonio Ameijide, afirmaba que "a tal momento o único que sabemos é que o Partido Socialista segue amparando e protexendo a imaxe e a figura de José Tomé como presidente provincial", en alusión ao feito de que este venres presidise a reunión da Xunta de Goberno.
"Pedímoslle explicacións inmediatas sobre se tiñan coñecemento e se pensa seguir tendo de presidente na sombra ao presidente Tomé, porque hoxe deixaron claro que si", afirmou Ameijide.
Ademais, o voceiro dos populares pedíalle ao BNG que explique "claramente se quere que siga José Tomé como presidente na sombra e se está disposto a formar parte dun Goberno no que podería haber unha encubridora dese presunto acoso sexual".