O BNG pide a Europa fondos para compensar as mariscadoras no paro biolóxico
O BNG pide a Europa fondos para compensar as mariscadoras no paro biolóxico
O alto nivel de auga doce que chega ás rías polas chuvias provoca unha grande mortaldade de bivalvos
A eurodeputada do BNG Ana Miranda pediu este luns que o Fondo Europeo Marítimo de Pesca inclúa un plan de compensación para a recuperación do marisqueo con axudas para as mariscadoras durante o paro biolóxico necesario para a rexeneración.
Miranda fixo esta petición dada a alta mortaldade dos bivalvos nas rías de Vigo e de Arousa, que “está a provocar unha gran preocupación no sector do marisqueo en Galicia” e que deriva do “exceso de auga doce” que está a chegar polas choivas ás rías.
“Este exceso de auga doce fai imprescindible un paro biolóxico das especies cultivadas que permita a súa recuperación e que, segundo as mariscadoras, debería durar polo menos tres meses”, apunta a nacionalista.
Así mesmo, deputados do BNG no Parlamento galego pedíronlle á Xunta unha avaliación das causas da baixa salinidade das augas das rías e das súas consecuencias sobre os bancos marisqueiros.