O BCE desbota o contaxio no sector financeiro europeo
Reuniuse de urxencia para analizar as turbulencias tras as últimas crises bancarias
O Credit Suisse non levanta cabeza, a pesar do rescate do Banco Nacional Suízo
Non hai contaxio no sector financeiro da zona euro. É o que opina o Banco Central Europeo, que este venres reuniu de urxencia o seu Consello de Supervisión para analizar as turbulencias nos mercados tras as últimas crises bancarias nos Estados Unidos e en Suíza.
O regulador sostén que as entidades europeas están sas e confía na súa baixa exposición ao Credit Suisse.
O xigante helvético non dá superado os seus apuros a pesar do crédito de emerxencia que este xoves lle ofreceu o Banco Nacional Suízo. A última mala nova foi a negativa de UBS, o seu principal rival, a participar nunha eventual fusión.
O Credit Suisse, sumido nunha fuga masiva de clientes, perdeu este venres máis dun 8 % na bolsa de Zúric.
Ao outro lado do Atlántico, as augas tampouco baixan calmas. Agora, é o First Republic Bank o que afronta as maiores dificultades: a inxección de 30.000 millóns de dólares por parte dun grupo de grandes bancos non xerou a confianza esperada e as súas accións están caendo preto dun 20 %.
A orixe desta semana negra, o Silicon Valley Bank, declarouse este venres oficialmente en creba nun tribunal de Nova York. Ten 2.000 millóns de dólares de liquidez e máis de 3.300 de débeda.
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, pediulle ao Congreso que endureza as sancións contra os executivos bancarios que fagan mal o seu traballo. Propón que as autoridades recuperen a paga dos banqueiros en caso de creba e que non poidan volver traballar no sector.