A gran banca gaña un 27 % máis no primeiro trimestre, cun beneficio de 8.487 millóns
O aumento débese en gran medida ao cambio no imposto á banca, que este ano se aboa trimestralmente e non nun único pagamento, como ocorría no 2024
O Santander obtén os maiores beneficios, acada 3.402 millóns, e Bankinter esquiva o imposto polas deducións que prevé a norma

O Santander, BBVA, CaixaBank, Sabadell, Bankinter e Unicaja, os seis bancos máis importantes de España, obtiveron un beneficio conxunto de 8.487 millóns de euros no primeiro trimestre do ano, un novo récord para o sector e un 27 % máis respecto ao mesmo período de 2024.
O tirón do negocio contribuíu a estes resultados, pero o avance explícase en gran medida pola forma diferente de contabilizar este ano o imposto á banca ideado polo Goberno, que nesta ocasión se aboa trimestralmente e non dunha soa vez, como sucedeu no primeiro trimestre de 2024.
Naquel momento, os seis grandes bancos españois restaron case 1.500 millóns de euros ao seu beneficio, para o pago do gravame extraordinario. Agora, no primeiro trimestre do 2025, o imposto á banca custoulles 356 millóns, o cal supón unha redución considerable.
Banco Santander
O Banco Santander obtivo unha vez máis os maiores beneficios: 3.402 millóns nos tres primeiros meses do ano, un 19,3 % máis, grazas a uns ingresos por comisións récord e menores custos.
O grupo que preside Ana Botín restou 87 millóns polo novo imposto á banca, unha cifra moito menor ca os 335 millóns que descontara o ano pasado polo gravame temporal.
BBVA
En segundo lugar figura o BBVA, que un día antes de recibir o visto e prace da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) á súa oferta de compra do Sabadell, anunciou un beneficio neto de 2.698 millóns no primeiro trimestre, un 22,7 % máis.
Estes resultados explícanse polo bo desempeño dos negocios recorrentes e as operacións financeiras, pero tamén polo efecto do novo imposto á banca, cun impacto duns 85 millóns de euros fronte aos 285 millóns que o banco contabilizou no primeiro trimestre de 2024.
CaixaBank
CaixaBank acadou un beneficio de 1.470 millóns nos tres primeiros meses do ano, un 46,2 % máis que un ano antes. O novo imposto custoulle 148 millóns no primeiro trimestre fronte aos 493 millóns do ano anterior.
Banco Sabadell
A continuación, o Banco Sabadell, que este xoves anunciou un beneficio neto de 489 millóns de euros, un 58,6 % máis e un novo fito para a entidade que o BBVA busca controlar desde hai un ano, grazas igualmente ao dinamismo do negocio e ao efecto do imposto.
No primeiro trimestre, o banco que lidera César González-Bueno restou 31 millóns polo novo imposto, fronte aos 192 millóns que contabilizou entre xaneiro e marzo de 2024 polo gravame temporal.
Bankinter
Pola súa banda, Bankinter obtivo un beneficio neto de 270,1 millóns de euros no primeiro trimestre do ano, un 34,5 % máis que no mesmo período de 2024, grazas á forte actividade comercial, con crecementos en todos os seus negocios e en comisións.
Bankinter non tivo que facer fronte ao imposto grazas ás deducións que prevé a norma, cando un ano antes tivera que restar 95 millóns no primeiro trimestre polo gravame temporal.
Unicaja
No caso de Unicaja, o grupo con sede en Málaga gañou 158 millóns no primeiro trimestre do ano, un 43 % máis, a pesar da caída da marxe de intereses. Axudaron a boa dinámica comercial e o novo imposto, que ascendeu a 5 millóns fronte aos 78,6 millóns do gravame dun ano antes.