O Goberno abrirá unha consulta pública sobre a opa do BBVA ao Banco Sabadell
O presidente Sánchez avanza que o Executivo abrirá a partir deste martes unha consulta para solicitar a opinión de organizacións, cidadáns e asociacións sobre se debe endurecer os requisitos da opa
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este luns que o Executivo abrirá a partir de mañá unha consulta pública sobre a opa do BBVA ao Banco Sabadell co fin de solicitar a opinión de organizacións, cidadáns e asociacións.
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) deu luz verde a pasada semana á operación, impoñendo certas condicións, e o Goberno debe decidir agora se eleva a cuestión ao Consello de Ministros para avaliar a posibilidade de endurecer os requisitos da opa atendendo a criterios de interese xeral.
A consulta pública servirá para "tomar esa decisión con todas as garantías", sinalou Sánchez durante a súa intervención nas xornadas do Cercle d'Economia, onde subliñou que o seu obxectivo é axudar ás empresas a que crezan en "volume e competitividade".
A opa ao Sabadell é un dos asuntos que cobrou protagonismo na reunión do Cercle, que cada ano convoca en Barcelona a líderes políticos e empresariais para abordar temas de actualidade. Nesta ocasión están presentes no encontro o presidente do Sabadell, Josep Oliu, e o seu conselleiro delegado, César González-Bueno; así como o presidente do BBVA, Carlos Torres.
A CNMC anunciou o pasado mércores a súa decisión, tras varios meses de análises da opa, e o Executivo conta desde entón cun prazo de 15 hábiles para avaliar se toma cartas no asunto.
A oferta do BBVA aos accionistas do Sabadell para absorber a entidade catalá provocou o rexeitamento de preto de 70 asociacións empresariais, sindicatos e cámaras de comercio. Unha delas, a patronal catalá Foment do Treball, pediu hoxe ao Goberno que paralice a posible compra, ao considerar que supoñería a perda de 70.000 millóns de euros en crédito ao tecido produtivo español.
Sánchez constatou na súa intervención en Barcelona que o regulador da competencia detectou "algúns excesos de concentración en medios de pago, en depósitos, en créditos a particulares e en pequenas e medianas empresas". En consecuencia, deixou a operación suxeita ao cumprimento de certas condicións durante os próximos tres anos, que se poden prorrogar ata dous anos máis no caso dos relativos ao mantemento das condicións crediticias ás pemes.