Competencia aproba con condicións a compra do Sabadell por parte do BBVA
A CNMC dá luz verde á operación pero queda pendente da decisión do Goberno
O Executivo pode endurecer as condicións ou bloquear a fusión

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) aprobou este mércores, con compromisos, a proposta de adquisición do Banco Sabadell por parte do BBVA. A resolución non é firme aínda, xa que queda pendente da decisión do Goberno sobre se eleva ou non a cuestión ao Consello de Ministros.
Tras unha longa reunión que rematou pasadas as 19:30 horas, a Sala de Competencia da CNMC —formada por cinco membros, incluída a presidenta Cani Fernández— deu o seu visto bo ao ditame de forma unánime e sen votos particulares.
Posible intervención do Executivo
A operación queda condicionada ao cumprimento dunha serie de compromisos que, segundo a Lei de Defensa da Competencia de 2007, deben estar motivados por razóns de interese xeral alleas á competencia, como a seguridade nacional, o medioambiente ou a promoción da innovación. Non existen precedentes nos que o Goberno endurecese as condicións dunha fusión previamente aprobada por Competencia.
Dada a oposición pública que o Executivo manifestou desde o inicio da operación, espérase que o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, decida elevar o asunto ao Consello de Ministros dentro do prazo legal de quince días. Con todo, desde o BBVA confían en que os compromisos aceptados pola CNMC sexan suficientes para disipar as dúbidas do Goberno.
Pimec pide condicións máis estritas
A patronal Pimec amosou este mércores a súa "preocupación e desacordo" pola decisión da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) de autorizar a OPA hostil do BBVA sobre Banc Sabadell.
Pimec considera "absolutamente insuficientes" as condicións impostas á entidade vasca, porque non mitigan os riscos para a competencia nin para o acceso ao crédito por parte das pemes e do tecido empresarial.
Segundo a patronal, as medidas actuais non garanten "unha protección real e efectiva para as pemes" nin aseguran o equilibrio territorial do sistema financeiro, especialmente nun mercado que xa presenta características oligopolísticas e problemas de competencia recoñecidos.
Pimec insta as autoridades a fixar condicións máis estritas para evitar estes riscos e reclama mecanismos de seguimento e supervisión externa que garantan o cumprimento dos compromisos adquiridos polo BBVA.
En concreto, pide ao Goberno e ao ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, que aproveite a terceira fase do proceso da OPA, nos 15 días dispoñibles, para revisar e endurecer as condicións da operación en defensa do interese xeral.
Un ano de proceso
O BBVA lanzou hai case un ano a opa sobre o Banco Sabadell coa intención de integrar a entidade catalá e acadar un aforro de 850 millóns de euros en tres anos. Un obxectivo que o conselleiro delegado do Sabadell, César González-Bueno, considera inviable sen unha fusión completa entre ambas entidades.
Co informe favorable da CNMC sobre a mesa, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) poderá agora avaliar e aprobar o folleto da opa, último paso necesario para iniciar o prazo de aceptación da oferta.
Os accionistas do Sabadell terán polo menos 30 días para decidir se aceptan os termos: 0,70 euros en efectivo máis unha acción do BBVA por cada 5,3456 accións do Sabadell.