Publicador de contidos

Publicador de contidos

As patronais calculan que as perdas pola apagada poden sumar ata 1.600 millóns de euros

As patronais calculan que as perdas pola apagada poden sumar ata 1.600 millóns de euros

O Foro Económico de Galicia estima que na comunidade o dano foi inferior aos 200 millóns

Stellantis deixou de fabricar algo máis de mil coches en Vigo

A Xunta ofrécelle ás empresas axuda para facer posibles reclamacións

G24.gal 30/04/2025 14:57

A foto repetiuse por toda España. Negocios pechados en Santiago, en Monforte, en Cangas ou en Madrid. Toca facer balance das perdas millonarias que provocou o grande apagamento. Segundo a CEOE, no conxunto do estado os danos poden chegar a mil seiscentos millóns de euros. Algo menos, mil trescentos, calcula a Asociación de Autónomos.

"Agora haberá que ver os danos na mercadoría ou en aparellos que se viron afectados, non só no lucro cesante", explica o presidente da Federación da Asociación de Traballadores Autónomos ATA, Lorenzo Amor.

En Galicia, o Foro Económico estima un impacto de menos de douscentos millóns de euros. Stellantis, por exemplo, deixou de fabricar algo máis de mil coches ata que recuperou a subministración.

"No momento no que se produciu, puidemos facelo en tempo récord e retomar a actividade con normalidade dende o martes pola mañá", relata o director da factoría de Vigo, José Luis Alonso Mosquera. "Ou sexa, que creo que o fixemos moi ben e que, para os efectos que puido ter isto, sacámolo moi ben".

A Xunta ofrécelles colaboración ás empresas para poderen reclamar e pídelle ao Goberno central que invista en redes de transporte de enerxía que eviten cortes.

"Estamos traballando coas empresas dende o primeiro momento para coñecer os danos", adianta a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, "e, unha vez que se saiba a causa, veremos se hai algún tipo de responsabilidade patrimonial por parte dalgunha administración ou se hai que reclamar apoios económicos".

O Goberno central cre que aínda é cedo para facer un cálculo concreto. O ministro de Economía pensa que as estimacións das patronais son provisionais. 

"O que dicimos é que, máis alá destas estimacións, necesitamos ver os datos con claridade para ter unha idea máis clara de cal foi o impacto", contestaba Carlos Cuerpo na rolda de prensa tralo Consello de Ministros.

Con todo, o ministro quere destacar o lado positivo, que a economía española é capaz de superar grandes obstáculos, como fixo coa DINA e agora coa apagada eléctrica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade