OPINIÓN
Unha nova volta na montaña rusa, por Venancio Salcines
Outra volta na montaña rusa. Un día baixamos aos infernos e outro subimos aos ceos. Diciamos nesta columna hai uns días que estabamos ante unha estratexia de negociación agresiva e todo parece indicar que é así. Levamos o mundo cara aos infernos e baixo a máxima presión empezamos a negociar. E aínda que sorprenda saber que isto é o que está a ocorrer tranquiliza os mercados, que empezan a coller optimismo. Déronse conta de que Trump non estaba tolo, que ten un plan, e quen planifica ten unha meta, un obxectivo. E ademais este non é tan disparatado: un cambio na posición estratéxica comercial dos EUA pero dun modo aceptable, sen rachar coas regras básicas de convivencia comercial.
Os valores que máis caeron, os tecnolóxicos, son agora os que soben. Se antes baixaban os vencellados á loxística agora tamén están a recuperarse. E como un inmenso péndulo financeiro, o que marchou agora está a volver. Empezaremos a planear? Non. Seguimos na montaña rusa, agora toca desfrutar, o mañá está por chegar.