O Congreso dos EUA aproba contra o reloxo o plan fiscal de Trump
Para o conservador Johnson, a normativa proporcionará un moi necesitado e merecido alivio para os traballadores estadounidenses

O Congreso dos Estados Unidos de América aprobou este xoves contra o reloxo o plan fiscal e orzamentario impulsado polo presidente Donald Trump, que apertara os lexisladores do seu partido para que lle desen o seu visto e prace a tempo e que puidese ser ratificado este 4 de xullo, Día da Independencia do país.
A Cámara Baixa concedeulle a súa autorización final por 218 votos a favor e 214 en contra. Os conservadores teñen o control dese hemiciclo, pero só podían permitirse tres baixas para que ese megaproxecto de lei chegase a bo porto.
Finalmente só dous republicanos se atreveron a non seguir a directriz do partido: o representante de Kentucky Thomas Massie e o de Pensilvania Brian Fitzpatrick, a quen Trump ameazara con represalias, que están preocupados respectivamente polo seu impacto sobre a débeda e sobre a enerxía verde.
O chamado gran e fermoso proxecto de lei regresara este xoves á Cámara Baixa tras a súa revisión inicial en maio e despois de ser aprobado o martes polo Senado. Como reflexo da división republicana, nesa cámara necesitou o voto de desempate do vicepresidente J. D. Vance.
Ao rexeitamento dalgúns conservadores sumáronse os intentos dos demócratas por atrasar ao máximo o proceso. O líder da minoría nese hemiciclo, Hakeem Jeffries, marcou este xoves un novo récord ao falar durante 8 horas e 45 minutos nesa tentativa por demoralo.
Pero os republicanos xa garantiron os votos suficientes no pleno, e cando o presidente da Cámara Baixa, o conservador Mike Johnson, confirmou que saíra adiante, a bancada republicana recibiu o anuncio entre aplausos e cánticos de "USA".
Para Johnson, a normativa proporcionará un moi necesitado e merecido alivio para os traballadores estadounidenses. Trump considerara en días anteriores que fará que Estados Unidos creza como nunca, e na súa primeira reacción tras a súa aprobación considerou que impulsará o país como un foguete.
A promulgación terá lugar este venres na Casa Branca, nunha cerimonia que tamén será grande e fermosa, segundo adiantou este xoves en alusión ao seu nome a portavoz presidencial Karoline Leavitt.
O proxecto de lei, que codifica en lei as deducións de impostos que o propio Trump aprobou en 2017 durante o seu primeiro mandato (2017-2021), implica un recorte de arredor de 1 billón de dólares en financiamento para servizos como o plan sanitario Medicaid ou o de asistencia para a compra de alimentos SNAP, que segundo el e moitos republicanos supón eliminar redundancias ou casos de fraude que minan os programas.
Os seus detractores tamén temen o seu impulso á política antimigratoria do mandatario. Cun gasto de case 170.000 millóns de dólares en catro anos, o Goberno aumentará a cantidade de axentes de migración, cuns 20.000 novos postos, construirá novos centros de detención para migrantes e investirá en tecnoloxías de vixilancia, incluída a intelixencia artificial.
A iniciativa lexislativa basicamente fai permanentes os recortes fiscais que o presidente xa aprobou no seu primeiro mandato (2017-2021).
Diversas estimacións, incluída a da Oficina de Orzamento do Congreso (CBO), unha entidade independente, indican que este gran e fermoso proxecto de lei reducirá os ingresos fiscais do Goberno federal en entre 4 e 5 billóns de dólares no próximos dez anos.
Este fora un dos principais puntos de desencontro entre os republicanos da Cámara de Representantes, cuxa versión do texto situaba o incremento do déficit nun máximo de 3 billóns ata 2034, e os do Senado, cuxa versión do texto chegará este venres sen cambios ao Despacho Oval.
A Casa Branca adxudicou este xoves a Trump o mérito da súa aprobación. Segundo unha fonte presidencial, o líder republicano foi a forza omnipresente tras esta normativa e estivo profundamente involucrado, tanto cos seus asesores como nos seus distintos compromisos.
O proxecto de lei aprobado é o mesmo que desencadeou o seu soado distanciamento co magnate Elon Musk, que ata maio estivo á fronte do Departamento de Eficiencia Gobernamental (DOGE) encargado de aplicar recortes ao gasto e á burocracia federal. En opinión do empresario, as enquisas mostran que para os republicanos supoñerá un suicidio político.