Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda reivindica Galicia Calidade como a marca dunha comunidade "que avanza e aposta pola excelencia"

Rueda reivindica Galicia Calidade como a marca dunha comunidade "que avanza e aposta pola excelencia"

Durante un acto ao que asistiron deportistas, empresarios, científicos, artistas, profesores ou enxeñeiros destacados da comunidade, o presidente explicou que Galicia Calidade é unha gran marca de país que simboliza "tanto o que se fai como o camiño para seguir"

EFE/Xurxo Martínez
G24.gal 12/12/2025 18:10

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este venres a importancia da marca Galicia Calidade, que "define un modo de facer as cousas na comunidade e que proxecta a imaxe dun territorio que avanza e a aposta pola excelencia".

Durante un acto no Museo do Gaiás ao que asistiron deportistas, empresarios, científicos, artistas, profesores ou enxeñeiros destacados da comunidade, o presidente explicou que Galicia Calidade é unha gran marca de país que simboliza "tanto o que se fai na actualidade na comunidade como o camiño para seguir nos próximos anos".

Así mesmo, destacou que permitirá atraer investimentos e visitantes á vez que contribúe a que os galegos sentan máis orgullosos da súa terra.

Na súa intervención, Rueda fixo fincapé na evolución de Galicia Calidade -que naceu como empresa pública hai 30 anos-, un concepto que vai máis aló dun selo e que ten moito futuro. Un selo que se actualiza para proxectar a aposta pola excelencia en todos os ámbitos, como explicaba o piragüista olímpico Carlos Arévalo.

"Somos un referente. Galicia é un referente a nivel mundial, en ámbitos como o deporte, a gastronomía, a ciencia, a cultura... en todo. Posicionámonos no primeiro nivel", dixo.

O presidente da Xunta destacou ademais que grazas a esta marca seguiranse certificando os mellores produtos galegos, mellorará a competitividade das empresas galegas no exterior e servirá para atraer novos proxectos á comunidade e mellorar a imaxe desta terra nun horizonte marcado ademais pola celebración do Xacobeo 2027 que atraerá a milleiros de visitantes á Galicia.

"Unha marca de todos os galegos e de todas as galegas, nada máis e nada menos que para chegar o Mundo. E unha marca, en definitiva, para unha Galicia máis grande, unha Galicia que busca a excelencia", asegurou Rueda.

O presidente da Xunta fixo fincapé en que a marca identifica o "bo facer" en moitos campos. Por iso, asegurou que Galicia Calidade son os produtos da terra e do mar, a gastronomía, as empresas galegas, e o rico patrimonio histórico e cultural da comunidade, pero tamén outros fitos alcanzados nos últimos anos.

Deportistas, empresarios, gandeiros, artistas, científicos, tomaron a palabra como mostra de que Galicia Calidade é tamén o noso capital humano, grazas a persoas como Mabel Loza, que dirixe un equipo de investigación de novos fármacos.

"Galicia está posicionada nos primeiros cinco postos en España no que se refire á calidade no ámbito da biotecnoloxía", asegurou.

O compositor compostelán Nico Casal e Budiño e Vega puxeron a banda sonora a esta posta de longo da marca Galicia Calidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar