O alugueiro de rochos segue a medrar como opción para dispoñer de máis espazo na vivenda
A alta demanda contrasta coa escaseza da oferta
Este local do centro da Coruña dispón de trinta rochos para alugar. Os prezos van, segundo tamaños, dos 45 aos 75 euros ao mes. A ocupación é total.
"Agora mesmo cos estudantes que deixan aquí as súas pertenzas ata setembro e marchan de vacacións estamos a tope", di David Escudero, encargado de Gárdao Trasteros.
A alta demanda contrasta coa escaseza da oferta. De aí a proliferación nos últimos anos de locais destinados a este fin.
"Hai determinadas empresas inversoras que están a dividir locais comerciais para poder destinalos a rochos e comercializalos porque é un negocio que ten saída", asegura Emma Martínez, presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias AGALIN.
No caso de David era o almacén dun antigo negocio familiar que decidiron transformar en rochos. E que almacenan as persoas que fan uso destes espazos?
"Cousas de temporada, a árbores de Nadal, roupa de verán no inverno e viceversa, material deportivo. É un pouco como unha parte máis da casa", explica David.
"Poder meter bicicletas; no caso de nenos, as cadeiras, e tamén hai xente que mete no rocho, se ten subministración de electricidade, un arcón ou conxelador porque o da casa xa non é suficiente", engaden desde AGALIN.
En todo caso, a principal razón é poder dispoñer de máis espazo na vivenda.