Abanca afirma que non ten interese nunha operación corporativa co Sabadell
O banco galego afirma que só participará en operacións que garantan a preservación do seu modelo de gobernanza e de negocio
Unicaja sinala que está centrada na execución do seu plan estratéxico e o Sabadell declina realizar comentarios sobre especulacións
Abanca deixou claro que non ten interese nunha operación corporativa co Sabadell, saíndo así ao paso das diferentes noticias que se publicaron a pasada fin de semana e este mesmo luns nas que se fala da posibilidade dunha operación entre a entidade catalá co banco galego. Algunhas fontes afirman que a fusión sería a tres bandas, incluíndo a Unicaja.
O banco galego destaca nun comunicado que é unha entidade "comprometida" coa xeración de valor sostible para os seus clientes, empregados e accionistas, e que calquera decisión estratéxica que tome "estará sempre aliñada" con este obxectivo.
Salienta, ademais, que só participará en operacións que garantan a preservación do seu modelo de gobernanza e de negocio, "piares fundamentais" do éxito da entidade.
"Abanca demostrou na última década un sólido crecemento, tanto orgánico como inorgánico, o que nos posiciona como un actor relevante no sector financeiro", proseguiu.
As prioridades de Abanca
A prioridade do banco presidido por Juan Carlos Escotet é culminar a integración de EuroBic en Portugal, un paso "chave" dentro do seu plan estratéxico 2025-2027, que está enfocado no fortalecemento das súas áreas de negocio e en consolidar a presenza nos mercados onde opera.
"Abanca reafirma o seu compromiso cun modelo de xestión profesional, baseado en criterios empresariais, e seguirá traballando para manter a súa posición como referente no sector financeiro, sempre priorizando os intereses dos seus grupos de interese", indica.
Por último, conclúe sinalando que non realizará "máis comentarios" sobre especulacións de mercado e enfocarase en seguir avanzando nos seus obxectivos estratéxicos.
Unicaja, enfocada no seu plan estratéxico; o Sabadell garda silencio
Unicaja sinala que a entidade está actualmente enfocada na execución do seu plan estratéxico 2025-2027 e en seguir creando valor para accionistas e clientes.
Pola súa banda, preguntado por este asunto, Banco Sabadell declinou realizar comentarios sobre especulacións.
Varios medios publicaron estes últimos días a intención de Sabadell de buscar un 'cabaleiro branco' que axude a parar a OPA que BBVA quere lanzar sobre a entidade. Barallouse a posibilidade de que Sabadell se fusione ou ben con Abanca ou ben co banco galego e Unicaja.
Non é a primeira vez que aparecen rumores de adquisicións por parte de Sabadell: antes de coñecerse a OPA de BBVA -que xa tentou fusionarse co mesmo banco en 2020-, barallábase a unión entre a entidade catalá e a andaluza.
Na presentación de resultados do pasado xoves, o conselleiro delegado de Banco Sabadell, César González-Bueno, trasladou a súa opinión de que actualmente "non hai moito apetito" en España por fusións ou adquisicións.
Por unha banda, explicou que xa hai tres grandes bancos (CaixaBank, Santander e BBVA) que "chegaron a un límite de tamaño suficiente ou, mesmo, excesivo" desde o punto de vista da competencia, e outras entidades entre as que podería ter sentido, pero que actualmente están "moi ben capitalizadas".
"Podería ter sentido en moitos deles -en referencia a bancos medianos ou pequenos-, entre eles ou connosco (co Sabadell). Pero é que todos está moi ben capitalizados e non hai moito apetito, porque todos teñen valor por diferentes razóns", comentou en concreto.
Así, non consideraba que se fose producir un elevado número de transaccións en España, aínda que non descartaba que algúns actores do sector estean abertos a buscar oportunidades e ver se frutifican.
OPA no Banco Sabadell
A partida continúa e o tempo corre no Sabadell para frear a OPA hostil lanzada polo BBVA. A entidade catalá debe decidir se espera pola intervención do Goberno ou se move fichas nun mercado bancario cada vez máis concentrado. O Executivo marcou como tope o venres 16 para rematar a consulta pública unha vez que a CNMV dera o visto e prace a operación lanzada polo BBVA.