Publicador de contidos

Publicador de contidos

Wall Street celebra o pacto arancelario coa China e anima as bolsas europeas

Wall Street celebra o pacto arancelario coa China e anima as bolsas europeas

O Nasdaq sobe un 4,35 % impulsado por tecnolóxicas como Amazon, Meta e Tesla

S&P 500 e Dow Jones recuperan niveis previos á guerra comercial

O Ibex 35 alcanza máximos desde 2008 tras subir un 0,75 %

Os EUA e A China pactan reducir un 115 % os aranceis recíprocos durante 90 días

Unha pantalla mostra os números de apertura na Bolsa de Nova York (Brendan McDermid/Reuters) Unha pantalla mostra os números de apertura na Bolsa de Nova York (Brendan McDermid/Reuters)
G24.gal 12/05/2025 22:59

O índice Nasdaq pechou cunha subida do 4,35 % tras unha sesión de euforia en Wall Street polo acordo arancelario entre Estados Unidos e A China, que rebaixa o temor a unha recesión derivada da súa guerra comercial.

Segundo datos ao peche da xornada, o Nasdaq alcanzou 18.708 puntos, impulsado por grandes tecnolóxicas como Amazon (8,07 %), Meta (7,92 %) e Tesla (6,75 %), e fabricantes de chips cuxo negocio está vinculado a China, como Dell e Nvidia.

O S&P 500 avanzou un 3,26 %, ata 5.844 unidades, mentres que o Dow Jones de Industriais progresou un 2,81 %, ata 42.410 enteiros, volvendo ao momento de partida antes de que o presidente Donald Trump anunciase os seus aranceis o pasado 2 de abril.

Tras dous días de negociacións en Suíza, ambos os países pecharon un acordo para rebaixar un 115 % os seus aranceis mutuos durante 90 días: os EUA manterá un gravame aos produtos chineses do 30 %, fronte ao 10 % de China para os estadounidenses.

O Ibex 35 segue á alza con novos máximos desde 2008 

O Ibex 35 pechou a xornada cunha subida do 0,75 %, de forma que o selectivo avanzou máis de 100 puntos, ata situarse en 13.655,3 puntos. 

A campaña de resultados empresariais prosegue da man de entidades como Almirall, que pechou o primeiro trimestre do ano cun beneficio neto de 21,6 millóns de euros, case o triplo que no mesmo período de 2024, ou Oryzon, que ampliou as súas perdas a 1,7 millóns de euros no primeiro trimestre.

Ademais, coñeceuse o posible interese do Banco Sabadell en explorar unha eventual fusión con Abanca.

"Abanca desexa insistir en que non ten interese nesta operación", resolveu nun comunicado.

Neste contexto, IAG foi o valor que sobrevoou aos demais, cunha alza do 5,59 %, mentres que Acerinox subiu un 4,88 %; ArcelorMittal, un 4,76 %; e Repsol, un 3,20 %.

Polo contrario situáronse Cellnex (-2,96 %), Iberdrola (-1,78 %), Indra (-1,72 %), Mapfre (-1,67 %), Enagás (-1,58 %) e Naturgy (-1,47 %).

Mercados europeos

Londres avanzou un 0,59 %; París, un 1,37 %; Frankfurt, un 0,29 %; e Milán, un 1,40 %. O barril de Brent alcanzaba os 65,19 dólares ao peche da sesión europea, un 2 % máis, mentres que o West Texas Intermediate (WTI) situábase en 62,30 dólares, un 2,10 % máis.

Respecto ás divisas, o euro desvalorizábase un 1,25 % fronte ao dólar ao peche da sesión europea, ata cruzarse nun tipo de cambio de 1,1108 billetes verdes por cada euro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade