Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta planea un cambio nos horarios de marisqueo para garantir a "sustentabilidade" dos recursos

A Xunta planea un cambio nos horarios de marisqueo para garantir a "sustentabilidade" dos recursos

O novo horario comprendería entre as 06:00 e 18:00 horas, cunha duración máxima ininterrompida de cinco horas de traballo

A xornada de traballo foi presidida pola conselleira do Mar, Marta Villaverde/Xunta de Galicia A xornada de traballo foi presidida pola conselleira do Mar, Marta Villaverde/Xunta de Galicia
G24.gal 17/09/2025 22:41

 

A Xunta abordou, nunha reunión xunto a representantes do sector pesqueiro, un cambio normativo que afectará os horarios de marisqueo.

O obxectivo é o de "garantir o control e a sustentabilidade dos recursos" e "unha xestión de explotación máis eficiente".

A xornada de traballo foi presidida pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e nela participaron federacións galegas e provinciais de confrarías de pescadores.

A representante autonómica expuxo no encontro a modificación do decreto polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas da comunidade, que pretende "actualizar e optimizar" a regulación destes horarios.

Segundo informa a Consellería, a normativa actual establece que o horario de traballo do marisqueo a pé vai desde dúas horas e media antes da baixamar ata dúas horas e media despois da baixamar diúrna, tendo como tope as 18:00 horas.

A nova redacción do decreto que expón a Xunta establecería o horario comprendido entre 06:00 e 18:00 horas, cunha duración máxima ininterrompida de cinco horas de traballo.

Así mesmo, o novo horario tería que concretarse nas solicitudes para o desenvolvemento da actividade que efectúen as entidades titulares dos correspondentes plans de xestión.

Orde de comercialización de excedentes marisqueiros 

Durante a reunión, tamén se analizou o borrador da orde de comercialización de excedentes marisqueiros.

Segundo subliñou a titular de Mar, o departamento autonómico leva tempo traballando na normativa, que xa fora recollida na Lei de Medidas Fiscais e administrativas.

Neste sentido, argumenta que o cambio é necesario para que a súa ordenación e aplicación ocorran baixo criterios uniformes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade