Publicador de contidos

Publicador de contidos

As sancións a Israel e o seu impacto en Galicia e España, por Santiago Calvo

OPINIÓN

As sancións a Israel e o seu impacto en Galicia e España, por Santiago Calvo

Santiago Calvo 18/09/2025 07:41

A Comisión Europea propuxo este mércores suspender parte do acordo de asociación comercial con Israel. A medida chega como resposta ao masacre que as operacións militares israelís están a provocar en Gaza, despois dos atentados terroristas de Hamas o 7 de outubro de 2023. Ursula von der Leyen, presidenta do Executivo comunitario, cumpre así coa promesa feita no discurso sobre o Estado da Unión a semana pasada.

Bruxelas tamén anunciou sancións a dous ministros israelís e a membros de Hamas, aínda que estas requiren unanimidade no Consello. Ademais, conxelarase a axuda bilateral a Israel, uns 6 millóns de euros anuais, agás os fondos dirixidos a proxectos da sociedade civil.

Pero a pregunta é: como afectan estas sancións á economía española e galega? A resposta é que o impacto será reducido. Os datos do comercio exterior deixan poucas dúbidas. En 2024, Galicia exportou a Israel por valor de 132 millóns de euros e importou apenas 6,7 millóns. Un volume moi modesto fronte ao total galego: máis de 31.000 millóns en exportacións e 20.900 en importacións. España, no seu conxunto, moveu con Israel uns 1.700 millóns en vendas e 900 millóns en compras, fronte aos 384.000 millóns que exportou e os 424.000 que importou no mundo enteiro.

Isto significa que, en termos relativos, Israel representa menos do 0,5 % do comercio exterior galego e pouco máis do 0,4 % do español. O principal capítulo segue a ser a automoción, con forte peso en Pontevedra, pero aínda así as cifras son pequenas.

Por iso, máis aló do debate político e moral, o impacto económico destas sancións será practicamente anecdótico para a economía galega e española. Non é comparable co efecto que poidan ter para países como Alemaña ou Italia, con sectores industriais máis expostos, nin tampouco co propio efecto sobre Israel, que destina o 37 % das súas exportacións á Unión Europea.

En resumo: a UE quere enviar unha mensaxe política forte, poñendo en cuestión as vantaxes comerciais de Israel mentres non respecte o dereito internacional humanitario. Pero para Galicia e para España, o efecto nas cifras de comercio exterior será limitado. A repercusión sentirase máis no plano diplomático e no discurso público ca nos portos ou nas fábricas.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade