O fiscal xeral ordena investigar os crimes cometidos por Israel en Gaza
O Ministerio Fiscal apunta a un xenocidio e outros delitos de lesa humanidade

O fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz investigará os crimes cometidos na Franxa de Gaza no marco da operación militar lanzada por Israel hai case dous anos.
Apunta xa a xenocidio e outros delitos de lesa humanidade e ordena crear un equipo de traballo integrado pola fiscal de Dereitos Humanos e Memoria Democrática Dolores Delgado e polo xefe da Fiscalía na Audiencia Nacional Jesús Alonso.
García Ortiz dá este paso despois de que Delgado solicitase autorización o pasado 28 de xullo para levar a cabo estas pescudas en calidade de coinvestigadora xunto a Alonso.
Fíxoo tras recibir un informe da Comisaría Xeral de Información da Policía Nacional relativo ás accións do exército israelí contra a poboación civil na Franxa de Gaza que poderían ser contrarias ao dereito Internacional. Delgado apóiase no relato de testemuñas protexidas e outros elementos probatorios sobre as accións que Israel está realizando sobre o terreo.
García Ortiz xustifica a apertura desta investigación, alude ao informe de Nacións Unidas que cualifica de xenocidio o ocorrido en Gaza, sinala que na Franxa se están producindo graves violacións do Dereito Internacional, dos Dereitos Humanos e do Dereito Internacional Humanitario e apunta a un posible xenocidio e outros delitos de lesa humanidade recollidos no Código Penal.
García Ortiz entende que a creación dun equipo de traballo integrado polos fiscais especialistas concernidos permitirá axuntar as capacidades operativas da Fiscalía da Audiencia Nacional coa especialización en materia de Dereito Internacional dos Dereitos Humanos e Dereito Internacional.
As pescudas que realice a Fiscalía faranse en cooperación co Tribunal Penal Internacional, como xa aconteceu coa guerra en Ucraína.